Xuntanza
Esta foi a primeira vez que volvemos vernos dende que se iniciou a pandemia. Fixémolo once persoas gardando as distancias e coa máscara posta. A pesar de que o clima non era o máis axeitado houbo moita calor na discusión como vén sendo a tónica nas reunións do club. O libro obxecto de debate tivo boa acollida, houbo quen falou del como unha pequena xoia e houbo tamén quen falou das dificultades que lle entrañara a súa lectura. En xeral coincidimos en que non era doado entrar no libro pero que unha vez que pasaban as primeiras páxinas xa se desfrutaba.
Había algunhas persoas que xa o leran no momento en que foi publicado (anos 70) e que nesta segunda lectura a saborearon máis, unha persoa pola contra afirmou que lle gustara máis na primeira lectura, e que nesta chegara a angustiarse. Ese sentimento de angustia foi mencionado por outras compañeiras. Hai como un plus de claustrofobia e soidade de Maxa, sobre pasada pola carga de traballo doméstico e sen aliadas porque non se leva moito coa avoa, que vai calando na persoa lectora.
Como aspectos positivos do libro sinalouse o estilo coloquial moi ben conseguido, o que é un retrato dunha época da ditadura, que explica moi ben os estragos da emigración e sobre todo a busca dunha rapaza polo seu lugar no mundo, a súa rebeldía fronte ao que se lle ofrece como muller: traballar na casa para toda a familia, coidar do seu irmán pequeno e dos avós anciáns, deixar de ir á escola de secretariado, renunciar a ter proxectos…
Como aspectos menos positivos un certo maniqueismo entre o mundo da aldea e da cidade, o exceso de frases feitas que lle resta fluidez e talvez a pouca atención que lle dá a autora ás vivencias corporais da protagonista. Sobre este punto xerouse un debate no que as mulleres do grupo incidimos en que o noso corpo durante a ditadura estaba vedado e que polo poder da igrexa entendiamos que Maxa estivera totalmente reprimida nos seus desexos e que non puidera nin formulalos
Vimos no libro representados tres modelos de muller: a avoa que encarna o papel tradicional da muller no franquismo, o da nai que aínda aceptando o seu papel é quen de marchar co home á emigración, relegando o seu papel de nai, e o de Maxa que quere romper totalmente co papel asignado e quere traballar fóra da casa, ser escritora ou por que non, navegar. Así remata o libro de Xohana Torres que anos máis tarde escribirá o famoso verso: “eu tamén navegar”.