Todos os nomes
Co gallo do centenario do nacemento de José Saramago, o Premio Nobel portugués, o club de lectura do Ateneo Atlántico rendeulle a súa particular homenaxe coa lectura do libro Todos os nomes.
O día 1 de febreiro de 2023 reunímonos dezasete peroas para comentar a obra.
Como anécdotas salientar que houbo unha persoa asistente que leu o libro en portugués e outra comentounos que coñecera persoalmente a Saramago en Tias (Lanzarote) onde el viviu os últimos anos da súa vida. Unha última falou de que estivera na biblioteca e a casa de Saramago unha vez morto e tomara un café na súa cociña.
En xeral o libro gustou moito aínda que pensabamos que non era o mellor. Moitas das persoas leran varias obras del que lles gustaran máis. Estivemos de acordo en que non é de fácil lectura debido á puntuación entre outras cousas, pero que unha vez que entras, atrápate a atmosfera densa e asfixiante dese funcionario rutinario que cambia totalmente a raíz de toparse coa ficha dunha muller descoñecida.
O título pareceunos potente. Nun libro que fala de todos os nomes, só coñecemos o do protagonista. De algunha maneira retrata o anonimato das persoas correntes, pero tamén a xerarquía e a alienación no traballo.
A descrición dos espazos é marabillosa: a Conservaduría Xeral e os seus labirintos, a casa, o colexio, o cemiterio… Tamén o son os personaxes cos que se atopa, destaca a madriña da descoñecida e o pastor que cambia o nome das tumbas.
Pensamos que hai un equilibrio entre o realismo e o onírico e recordounos a diferentes novelas súas pero tamén a a outros autores como KafKa, Borges, Melville ou Cervantes no sentido de atopar a unha Dulcinea anónima e tamén de loitar contra todos os “muíños” que atopa no camiño unha vez decide comezar a aventura.
En resumo é unha crítica feroz á burocracia, unha novela psicolóxica de estilo policial que retrata a vida gris e aburrida dun funcionario. E coa ironía propia do autor.
Falamos tamén do estilo propio deste gran escritor: narrador omnisciente, moitos diálogos internos, frases moi longas que non respectan a ortografía pero moi traballadas e nos van levando páxina a páxina ata a fin.
O propio Saramago escribiu “pódese dicir, superficialmente, que é unha novela sobre a morte e os mortos, e na que hai ata un cemiterio enorme, disparatado. Mas non, non é así, é unha obra sobre a vida“.