O socio número 95 do Ateneo Atlántico, MAMG, envíanos esta interesante reflexión arredor da campaña “Mirar letreiros”.

Consideracións acerca do exercicio «Mirar Letreiros»

MAMG

Do Ateneo Atlántico recibín uns documentos acerca do que neles se chama
patrimonio gráfico, que representan todo un pranxido elexíaco en memoria deses
fitos urbáns que, por razóns amiúde neboentas e polo común moi variábeis co
suxeito, quedan como pantasmas resonantes nos circuitos neuronais que catalogan
as nosas acordanzas. Non é preciso que eses fitos sexan materia monumental,
asunto artístico nen tan sequer mera peza oportuna. Nos escritos aludidos fálase,
atinadamente para a perspectiva que neles se toma, de cousas como o picaporte dun
certo portal ou o menú pintado no vidro dun bar. Trátase pois da apelación a unha
das múltiples formas das nosas nostalxias, vestida de vindicación cultural.

Á cultura pódenselle atribuir propriedades tan surprendentes coma as que lle
atopan dende antropólogos culturais até concellais de cultura, pero hai unha, o
carácter adaptativo, que ninguén se astreve a omitir, e outra, o carácter
acumulativo, que ninguén ousa incluir. Ambas camiñan da man, xa que cando un
logro cultural perde valor adaptativo, tende a lle deixar sitio a un sustituto con
algunha vantaxe. Non se botan hoxe a menos cousas como a azagaia de corno de
cervo con propulsor de xunco entrenzado, ou o revolucionario algoritmo para a
división que invadíu, traído da India, a contabilidade renacentista veneciana. E a
ninguén lle dan moita pexegueira, aliás, os añorantes deses logros que se retiran
aos campos de esportes a guindar xabalinas para o gozo frugal dun público
sosegado, ou recollen aquel enxeñoso e ineficiente procedemento nas historias da
matemática, sen tencionaren revivilo no ensino actual. Para obxectos que gostamos
de conservar no formato expandido orixinal temos, por outra parte, os museus.

Interesa debullar agora o encaixe nesta dinámica da angueira do «mirar
letreiros» que se nos propón. Sábese que a cultura tradicional chinesa, cun forte
control administrativo, creceu linealmente até primeiros do século XIV, indo por
diante da occidentel, convén lembralo, en ciencias formais, fácticas e técnicas:
abonde citar o tiro animal con arnés de coleira no canto da tortura ineficiente do
xugo europeu, a variedade agrícola, a navegación con búsola, o arco de curvatura
dupla para as frechas e parabólico na construción, pólvora, papel, purificación
dalgúns compostos orgánicos… A nosa, porén, morosa até aquela sazón, iniciou no
renacemento unha expansión cáseque expoñencial (non estritamente, pero dicir
expoñencial está hoxe de moda) cuns logros que todos sabemos glosar, pero
colateralidades funestas ben advertidas dende metade do século pasado. Obvias
demáis son a crise ecolóxica, a deriva climática, a crecente e brutanaz desigualdade
social.

Un chisco envergoñado por esquecer aquí esas violencias sinalarei, en relación
coa lideira do ateneo, que na dinámica actual da ecoloxía humana, o lapso dunha
vida inclúe a cada paso un número maior de referentes culturais que perden o seu
valor adaptativo e polo tanto o seu significado vital. Podemos e debemos
preguntarnos se isto corresponde a un desenvolvemento hixiénico da cultura ou é

2

un mero fluxo económico descontrolado, xa que de feito asemella demáis a eses
fluxos hormonais produtores de hiperactividades mórbidas e insostíbeis en sistemas
biolóxicos limitados polo seu acceso aos nutrintes. Mais o que sí é seguro é que a
simple museística, e non digamos xa o conservacionismo urbanístico que se nos
suxire, constitúe un obxectivo pouco racional, do que é ben pouco viábel.

Débese notar que xa en principio admitimos que o interese dos ítems a
conservar pode limitarse ao inxel afecto morriñoso que decida un amábel acordo
entre xentes con experiencia na perda de referentes de rancios decotíos ou, noutros
termos, ítems que, se cadra sen especial relevo, promoven malencónicas
acordanzas nun grupo de maduriños-ñas e vellotes-tas. Con tais premisas,
certamente, pouco cabe agardar da lánguida recompilación á parte dunha colección
expoñencialmente crecente e pronto inmanexábel de refugallos urbanitas, como
esas illas que se forman no Pacífico a poder da converxencia de bolsas de plástico.

Sabido é que unha ocupación tradicional dos xubilados é a de observar as obras
implicadas nas novas realizacións urbanas. Agora suxíresenos fotografar
decadencias para contribuir acaso a eses aflitivos mostrarios que inzan as
esterqueiras das redes sociais con imaxes de Seat 600 en poses de variado erotismo,
de vellos deseños de maletas e bicicletas, de cinExin, meccano e zombas ou das
tipografías de Tío Pepe, Fundador, Cheiw ou JoPeRi, amiúde animadas con
músicas igualmente prescindíbeis. Paréceme unha celobre alternativa.

Tamén semella chocante que se propoña este tipo de conservacionismo nunha
sociedade que non parece saber conservarse a si mesma tendo tino coa contorna
natural e pensando, cando se fai o propósito publicitario de telo, que está a «coidar
o planeta», como se dí na ecosofía de mass media. E ao cabo, invocar a resistencia
á xentrificación como alicerce da proposta parece cáseque un sarcasmo. O seu
contido, en realidade, concorda máis ben con ese pendor á rehabilitación de
edificios moitas veces irrelevantes, detectábel en moitas cidades, que ameaza con
converter os centros históricos en parques temáticos da obsolescencia para recreo
das clases dominantes que habitan ou fan turismo neses ámbitos.

Seica moitos fruidores desas áreas xentrificadas comezan xa a gostar de
pintoresquismos vintage e ollan con ollos de agrado as tendas de proximidade,
xenuinas ou simuladas, os postos ambulantes de castañas asadas con forma –os
postos– de locomotora a carbón e os xubilados camiñando polas rúas con madas de
grelos en cestos ou barras de pan debaixo do brazo. Se cadra o traballo neses circos
aínda é unha saída, nun futuro neoliberal sen complexos, para os beneficiarios dos
plans privados de pensións.

Para que non se diga que non propoño alternativas, aí vai unha: excursións
grupais de fins de semana polo centro de Vigo cos netos, e netos de amigos,
explicándolles, á vista dos trinques, por qué nunca deben mercar nada en sitios con
rótulos como NICE FEELINGS WEAR, WORLD DELICATESSEN, SPRING SALES, URBAN
COLLECTION
ou KEEP IT WARM (MAN & WOMAN), incitantes tentacións para o ouvido
cosmopolita das Rías Baixas.