O Ateneo Atlántico quere sumarse ás celebracións do Día das Letras galegas mediante a súa particular homenaxe a Xela Arias, a poeta viguesa de adopción á que se lle dedica este ano o recoñecemento unánime da cultura galega.
En primeiro lugar presentamos o acróstico Sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega, da nosa socia Nones Araújo a partir de versos de Xela Arias. Nones vén de gañar o Certame de Narración Curta Ánxel Fole con Imaxes roubadas.
Nones Araujo, no centro, gañadora na modalidade de Refachos,
no acto de entrega de premios do certame AteneoNacasa
A continuación está o vídeo homenaxe a Xela Arias que elaboramos desde o Ateneo Atlántico coa participación dun bo feixe das mellores poetas viguesas do momento lendo poemas de Xela.
E, xa para rematar, rescatamos algunhas das entradas históricas do Ateneo publicadas como homenaxe á nosa Lingua.
Sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega
Nones Araújo
Xa de volta: as pedras non teñen nome
E as estrelas pousadas cravaron nos muros
Liñas directas da paisaxe ó corazón
Ata perder Valor.
Agora teño o idioma inclinado nas entrañas,
Relátome polo paseo arriba mergullada.
Ignoro que lugar é este onde me atopo.
A paixón que aniño ten por veces o bico en berro:
Se te preciso cando te agardo non vés nunca.
Por perpetua-lo mar por facer auga: mireivos.
Onde estamos amor onde estamos?
Enganchada nas virtudes das olladas
Trouxen augamel para agasallarte:
Arróupote arrequecido no meu colo.
Estou tan lonxe que xa non regreso…
Teño a alma abrazada por fenómenos estraños:
Rompéuseme o vaso nas mans,
As plantas decaídas e os silencios dos trasteiros
Desconsolados.
Un abano na túa man que se aferra e me acaricia.
Todo para nada.
O tempo anda arando estropicios e
Repasa logo a ollada no pouso dos afectos.
A vida é verdade. De certo, a vida ía en serio.
Versos escollidos de Poesía reunida (1982-2004). X. A.
Vídeo do Ateneo Atlántico homenaxe a Xela Arias
Manifesto polo galego. Maio 2018
Manifesto. Texto. Non deixes arrefriar a lingua
Érache boa!
Se pensabas que os de arriba ían preocuparse polos de abaixo, estabas nun erro. Se crías que a mellor garda para un poleiro era unha raposa, ías de cú. Se soñabas cunha dirixencia comprometida co país, andabas na berza. Porque o corvo nunca foi máis negro cás ás… e porque xa chegou a hora de lle sacudir a polaina aos que esmagan a nosa lingua e a nosa cultura, desde o Ateneo Atlántico chamamos a atención sobre a perda de peso das industrias culturais en Galiza e, nomeadamente, do sector editorial que ten en Vigo o seu lugar de referencia, histórico e económico.
E preguntámonos por que ninguén dá conta da caída -nun 50%!- dos libros publicados en galego, da compra de libros para bibliotecas, das axudas públicas á traducción, das campañas de animación a lectura ou da ausencia de Galiza nas feiras do libro internacionais.
A resposta pode estar en que como cidadanía non nos mobilizamos, nin reclamamos abondo, mais logo laiámonos de que descenda o número de falantes na mocidade. Hai que reaccionar contra o discurso hipócrita e contra a parálise!
Por nós non vai deixar de ser. Daquela…
Chamamos a cidadanía a implicarse nesta causa como algo primordial: porque as ameazas son moito maiores cas oportunidades; porque non podemos deixar esmorecer unha actividade que xera 31.000 empregos e aporta o 2% ao noso PIB; porque se segue o ritmo de caída na valorización e uso da lingua perderemos o elemento identitario máis forte que posuímos; e porque llo debemos aos que a mantiveron viva durante séculos, agochada pero aquecida…
Non deixes enfríar o galego.
Dálle calor. Disfrútao. Fáino medrar.
É unha demanda social e política. Pero tamén é un compromiso persoal.
Imos alá!