Cineforum do Ateneo Atlántico

O vindeiro 8 de
novembro, mércores, a partir das 19.30 horas nos multicines Norte, iniciaremos a
nosa actividade de cinefórum. Será coa proxección e debate arredor
da película de D. Villenéuve, Incendies (Canadá, 2010),
película que optou ao Óscar á mellor película de fala non
inglesa na súa 83ª edición.
Incendies abre un
ciclo arredor do título xenérico “O poder e o medo”. O
coordinador da actividade, Emilio Zunzunegui, pensa que é
imprescindible unha reflexión arredor da temática do ciclo e espera
que sexa ben recibido na nosa cidade porque “hai unha ampla
tradición de afección ao cine que fai pensar”, e porque “agora,
máis ca nunca, precisamos de reflexionar colectivamente sobre
cuestións que están a incidir sobre as nosas vidas e sobre o noso
futuro”.
A partir desta
primeira proxección, o cinefórum desenvolverase todos os segundos
mércores de cada mes, tamén, nos multicines Norte, e seguindo o
esquema tradicional de presentación, proxección dun filme de
temática predeterminada, e coloquio posterior.
Incendies
Canadá, 2010
Director: Denis Villenéuve
Duración: 133 minutos
Inspirada na obra teatral do mesmo título (Incendies) escrita por Wajdi Mouawad, baseada á súa vez, na vida de Souha Bechara (activista da resistencia libanesa que, á idade de vinte anos, foi detida e recluída na prisión clandestina de Khiam polo intento de asasinato do xeneral Antoine Lahd do Exército do Sur do Líbano).
Protagonista: Lubna Azabal, Maxim Gaudette
Argumento: Montreal. Tralo pasamento da súa nai, Nawal Marwan, os xemelgos Jeanne e Simon reciben de mans do notario Jean Lebel dúas
cartas. Unha, a primeira, deben entregala ao seu pai, do que non sabían nada e
crían morto; a outra, a segunda, deben entregala ao seu irmán, que non sabían nin que
existía. Comenza, para os dous xemelgos, unha longa busca detrás
das súas orixes e do descubrimento de quen foi en realidade a súa
nai.