NÓS TAMÉN.
Porque os tempos son chegados e estamos ata onde a vergoña perde o seu digno nome de saber que sermos mulleres é termos moitas papeletas para desaparecer. E porque nós somos todas, designámonos no plural feminino para irmos da man pola rúa e pola casa e para facermos unha revolución necesaria e inaprazable.
Para denunciar as desaparecidas do valor económico do traballo familiar, ignorado pero imprescindible: como xeriatras, administradoras, modistas, enfermeiras, limpadoras, puericultoras, fontaneiras, cociñeiras, amantes, electricistas, camareiras, compañeiras, fillas, nais, avoas, contacontos, as que pasan e pasamos o ferro… nunha historia cotiá que, de tan normalizada, faise irreflexivamente esperada e asimilada por costumes que temos que rachar.
Porque todo este traballo ignorado vai acompañado do agravio comparativo no mercado laboral onde cobramos case un vinte por cento menos cós varóns. Pois acontece que nacer varón aporta ese plus salarial sen existencia de produtividade, de eficiencia, de calidade… e nacer muller leva consigo pertencer á segunda clase, merecente dunha discriminación retributiva admitida, non sempre coñecida de antemán, e pouco denunciada e combatida.
NOS TAMÉN queremos que isto mude. Abonda xa de ver normais os monstros das convencións sociais que o patriarcado constrúe e todas e todos consumimos. Abonda xa de estarmos nunha parálise alienante da que temos que escapar. E non esquecemos que cando se fala de desaparecidas, temos como referencia fundamental -que queima e nos revolve as tripas e conciencias- as asinadas logo da derradeira tortura, do derradeiro acto de vinganza patriarcal.
Por isto teremos que seguir denunciando e vindicando, agora como mañá. Temos de seguir loitando para que os valores humanos se reflictan nos dereitos das mulleres, sobre todo das máis oprimidas, violadas, malferidas, borradas do mapa da vida coma escarmento para que outras non ousemos, nos rebelar.
NOS TAMÉN decidimos hai tempo pasar á acción para facermos unha guerrilla ética contra o poder patriarcal, teña a careta que teña, vista como vista. Porque os tempos son chegados e ata aquí chegamos, nunca máis como cómplices, artítices, consentidas ou consentidores.
ATENEÍSTAS, mulleres e homes, seres humanos con dignidade, principios e compromiso coa igualdade e contra o holoxausto feminicida:
NÓS TAMÉN feministas.
E feministos, claro que si.
Vigo, Febreiro de 2018