O Rei Sabio
26 Febreiro / 19:30 – 21:00
O rei sabio. Un príncipe cristián, a Iberia musulmá e as orixes do Renacemento. Quen? Simon Doubleday (autor do libro), Miguel Giadás (tradutor), Helena de Carlos (Profesora de Latín da USC e directora da colección Kátaba). Cando? Xoves 26 de febreiro. Onde? Na biblioteca da Emao (García Barbón 5).

O rei sabio
“Este libro non só é a versión en lingua galega da edición orixinal en inglés. Supón unha posta ao día que ten en conta os últimos estudos sobre Afonso o Sabio, especialmente os referidos á relación do Rei con Galiza. Trátase dunha biografía de Afonso, o rei filósofo do século XIII, e da súa fascinación pola cultura islámica, que deixou unha pegada indeleble na civilización occidental.
Simon Doubleday traza a historia da vida e da época do rei, penetrando o seu mundo emocional e amosando como a intensa admiración do monarca pola rica cultura islámica da península Ibérica facilitou o camiño para o Renacemento europeo“.
(Da ficha do libro na sección de publicacións da web da USC. Nesta ficha pódese descargar de xeito gratuíto a versión dixital do libro.
Simon Doubleday
Simon Richard Doubleday é profesor de Historia (Medieval) na USC e investigador no Centro de Investigación Interuniversitario de los Paisajes Atlánticos Culturales (CISPAC), no grupo de investigación EcoPast.
É Profesor Distinguido Beatriz Galindo na Área de Historia Medieval. Recibiu o seu grao en Historia na Universidade de Cambridge (Reino Unido) e o seu doutoramento en Historia Medieval na Universidade de Harvard (Estados Unidos). É director da Journal of Medieval Iberian Studies e foi presidente da Asociación Americana de Historiadores Investigadores de España Medieval (AARHMS). Recibiu dúas bolsas individuais da National Endowment for the Humanities (2020-21) e unha da Fundación John Simon Guggenheim (2022-23).
A súa investigación céntrase na historia social e política da Península Ibérica medieval. Os seus libros inclúen unha biografía de Afonso o Sabio, The Wise King: A Christian Prince, Muslim Spain, and the Birth of the Renaissance (Basic Books, 2015). Tamén é autor de The Lara Family: Crown and Nobility in Medieval Spain (Harvard University Press, 2001), polo que recibiu o Premio Lawrence A. Stessin ao Mérito Académico Sobresaínte de Hofstra. The Kingdom of León and Galicia under Queen Sancha and King Fernando I, coescrito con Bernard F. Reilly, foi publicado pola University of Pennsylvania Press en 2024.
(Da ficha do autor no portal de investigación da USC).
Miguel Giadás Quintela
Miguel Giadás é profesor da Facultade de Filoloxía da USC, Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana. Traballa no Instituto de Investigación de Humanidades (iHUS) da USC, na área de Filoloxía Latina, no Grupo de investigación: SIFC Síncrisis, Investigación en Formas Culturais.
Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese As Cronice ab origine mundi de Gonzalo de Hinojosa (libros I-IV) estudo e edición 2023. Dirixida por Dra. Helena de Carlos Villamarín.
Profesor Axudante Doutor na área de Filoloxía Latina na USC dende setembro de 2025. Cursou o Grao en Filoloxía Clásica (2012-2016) e o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas (2016-2017) na Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse nesta mesma universidade no ano 2023 coa tese titulada “As Cronice ab origine mundi de Gonzalo de Hinojosa (libros I-IV): estudo e edición” dentro do Programa de doutoramento en Textos da Antigüidade Clásica e a súa Pervivencia. Desenvolve o seu labor investigador dentro do campo da historiografía baixo medieval hispana escrita en lingua latina e, especialmente, arredor da obra Cronice ab origine mundi de Gonzalo de Hinojosa e o seu estudo de fontes. Ten participado en numerosos congresos internacionais de renome e publicado en revistas de alto prestixio como, por exemplo, Revista de Poética Medieval, Myrtia ou Cuadernos de Filología Clásica: Estudios Latinos. Así mesmo, é o tradutor do primeiro volume da colección “Kátaba. Estudos Medievais” que leva por título “O Rei Sabio: Un príncipe cristián, a Iberia musulmá e as orixes do Renacemento” de autoría do profesor Simon R. Doubleday. Realizou dúas estadías de investigación, a primeira na École Normale Supérieure de Lyon, baixo a supervisión do profesor Carlos Heusch (marzo-maio 2019), e a segunda no Department of Classics da Columbia University, baixo a supervisión de Carmela Vircillo Franklin (outubro 2024-agosto 2025).
(Da ficha de Miguel Giadás no portal de Investigación da USC)
Helena de Carlos Villamarín
Helena de Carlos é Catedrática na área de Filoloxía Latina, na Facultade de Filoloxía da USC, no Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana. Grupo de investigación: SIFC Síncrisis, Investigación en Formas Culturais.
É Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Las Antigüedades de España fundadores y reyes míticos en la literatura medieval 1992. Dirixida por Dr. José Manuel Díaz de Bustamante.
Especializada en estudos sobre a latinidade medieval, levou a cabo as súas investigacións en cidades como Lisboa, Múnic e Florencia. Colaborou en diversas publicacións como Nordés, Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Ólisbos e Alquimia.
Como poeta ten publicados: Alta casa (1996). Culleredo: Espiral Maior.n1999 (2001). Xerais. Aracné 3 (2006). Antoloxía, Concello de Santiago de Compostela. Vigo (2007). Vigo: Galaxia. Imago (2023). Faktoría K.
Recibiu o Premio da Crítica da Poesía Galega en 2007 por Vigo.
Como ensaísta ten publicado: Las antigüedades de España: fundadores y reyes míticos en la literatura medieval (1993). Universidade de Santiago de Compostela. Las antigüedades de Hispania (1996). Spoleto : Centro italiano di studi sull’alto Medioevo.
Traducións: Consolación da filosofía, de Boecio, (2005). Vigo: Galaxia, Clásicos en Galego. Utopía, de Tomás Moro (2011). Universidade de Santiago de Compostela).

