O Ateneo Atlántico recolle a oferta do músico Alberto Conde e de RKV radio (unha nova radio por internet que vos animamos a seguir), e organiza xunto con eles estas xornadas dedicadas á difusión dunha música chave para comprende-lo século XX e XXI: o Jazz. Un xénero que sofre na nosa cidade coa desaparición do consolidado ImaxinaSons e a falta de continuidade da proposta chamada a substituilo. Por iso cremos que é importante darlle un pulo que permita mante-lo vivo na nosa cidade.
Nesta primeira xornada farase unha viaxe pola “Historia do Jazz“, recurrendo aos nomes máis senlleiro que forxaron esta música, cunha especial atención a aqueles que actuaron na nosa cidade. Xente como o National Jazz Ensemble de Nova York, mestres do Jazz (Chuck Israels, Ben Riley, Jim Mc Neely, Steve Brown, Hal Crook, Claudio Roditi, Sal Nistico e Margot Hanson) que introduciron a súa experiencia e o coñecemento no noso contexto impulsando as primeiras escolas nesta especialidade en España, e en Vigo.
A sesión será conducida por Alberto Conde, e contará con Pedro Solveira, Manolo Álvarez e Elías Quiroga como relatores, ademáis do traballo de Xosé Otero na parte técnica. A palestra contará cun importante apartado audiovisual e de escoita de pezas que permitan seguir e comprender mellor o falado.
A vindeira xornada celebrarase o día 26 de outubro e que leva por título “As mulleres do Jazz“, quere recuperar e escoitar a obra das moitas mulleres que forman parte da súa historia.
O Ateneo Atlántico quere agradecer a cesión do seu Salón de Actos ao Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) .
Entrada libre ata completar aforo (150 persoas)