Cinema no Cubo
Con Álvaro Gago
Dúas curtas de Abbas Kiarostami
Mércores 26 de febreiro, 19.30h
Espazo Cubo
Na sesión de febreiro do noso Cinema ao Cubo, o invitado para que comparta a súa película favorita con nós, é un dos mellores directores vigueses da última fornada: Álvaro Gago.
Álvaro Gago saltou aos medios a raíz de Matria, a súa terceira curtametraxe, e despois de gañar con ela o premio especial do xurado no Festival de cine Independente de Sundance (2018). Ademais, Matria foi merecedora do premio á mellor curtametraxe na SEMINICI de Valladolid, nos Mestre Mateo ou no Indielisboa; tamén estivo nominada á mellor curtametraxe dos Goya 2018.

Álvaro Gago proponnos unha visita inédita ao iranianio Abbas Kiarostami,
exprofesor do propio Gago nos seus talleres de cine e onde aprendeu que o cine de Kiarostami é aquel lugar “onde conviven o fugaz e o eterno“.
E farano a través dunha conversación ao
redor de dous dos seus filmes: Nān o Kūcheh (O pan e a rúa),
curtametraxe de 1970 e ¿Khane-ye doust kodjast? (Onde está a
casa do meu amigo?
), longametraxe do ano 1987.
Cando o director fala de si mesmo (Álvaro Gago).
Estudei Comunicación Audiovisual na
Facultade de CCSS de Pontevedra, atraído polo descoñecido: que era
aquilo que facía que Xaime Fandiño ou José Luís Castro de Paz se
dirixisen a nós con tanta paixón? Eles dous plantaron a semente.
No
2008 marchei a Chicago onde traballei en teatro por accidente. Un ano
despois estaba vivindo en Londres e formando parte dunha escola de
cinema onde coñecín a xente que rematou por introducir en min o
bicho do celuloide: unha fortuna e, ás veces, unha maldición. Non
culpo a ninguén. Seguen sendo os meus amigos.
Eu daquelas era xa un
apaixonado dos neorrealistas italianos (De Sica, Rosellini, Visconti)
aos que defendía ardorosamente en cada unha das conversacións de
pub que se formaban ao saír da escola. Nunha delas saíu o nome de
Abbas Kiarostami. Non o coñecía. Recomendáronme varios filmes, entre eles, os dous que veremos nesta sesión.
Vinos ao día seguinte nun ciclo de cinema iraniano que
organizamos na casa, e xa nunca me desprendín deles.
Son a persoa que son
grazas á liberdade individual coa que desenvolvín a miña vida
fóra. Grazas á saudade pola paisaxe, a lingua, a familia e o
lar, atopei o meu lugar no mundo. O cinema de Kiarostami xogou un
papel fundamental no fomento da morriña e no proceso de toma de
conciencia que fixo que valorase moito mais o meu lugar de orixe e as
persoas que o habitan. É por iso que pensei nel cando o Ateneo Atlántico me
propuxo este encontro.
Que paradoxal ter que viaxar ata Irán para
sentirse mais preto das túas orixes…