O 22 de novembro, o Ateneo Atlántico celebrou o acto de recoñecemento a Elvira Landín como socia de honra.
A presentación do acto e as honras á homenaxeada correu a cargo da Presidenta do Ateneo, Luísa Abad. Ademais doutros moitos segredos, divinos e humanos, poidemos coñecer a debilidade de Elvira polos queixos fortes, polos polvoróns e polas cancións de Aute.
Enlace ao vídeo completo do acto
Diferentes persoeiros glosaron a figura da homenaxeada destacando a súa traxectoria desde diferentes puntos de vista.
Ana Gandón lembrou o seu pasado de afiliación política, no que coincidiron, e o seu presente de valores e principios, no que seguen a coincidir.
Tito Ucha destacou a vertente sindical de Elvira, a súa loita polos dereitos laborais das traballadoras e traballadores, a súa defensa ante os xuíces, tamén nos tempos difíciles e en momentos en que a xustiza dos xuíces non era nin medianamente xusta, de moitos daqueles que comprometeron o seu traballo, a liberdade, e mesmo a súa vida por defender a dignidade da clase obreira.
Matías Movilla, compañeiro de traballo, centrouse no perfil profesional de Elvira Landín, lembrou a figura de Fernando Randulfe, e destacou a súa forza inesgotable nos tribunais.
Desde a militancia actual, Xabier Pérez Davila destacou as colaboracións de Elvira no Movemento Galego pola defensa das Pensións e os Servizos Públicos.
En fin, como broche de ouro, Manuela Carmena falou da amiga, dos inicios da súa relación nos tempos mozos, cando a afinididade e a empatía entre as dúas foi instantánea, de como foi alimentándose ao longo dos anos ata chegar a sincronía actual na que a madurez dunha amizade converte a dúas amigas nunha unidade.
Galería de imaxes
A música correu a cargo de Su Garrido Pombo; coa súa voz, co acompañamento da guitarra, con ese estilo único e maduro interpretou para nós cancións como Pra Habana, tomando como letra o poema de Rosalía, ou a súa Flores silvestres, aquelas que son as primeiras en florecer.
Ao remate do acto, e despois de impoñer a Elvira a folla de laurel que a distingue como socia de honra do Ateneo Atlántico de Vigo, poidemos disfrutar dun viño galego con petiscos, tamén galegos, no patio interior da Escola Municipal de Artes e Oficios.
Unha gran xornada que esperamos que o fose, tamén e en especial, para a nosa nova Socia de Honra.