Ciclo de Filosofía
Homenaxe a Alberto Mariño
O deber de ser feliz
(Capitalismo e subxectividade contemporánea)
Con Manuel Fernández Blanco
Venres 13 de marzo de 2020, 19h.
Aula D (r/ Elduayen 36)
Hoxe presentamos a segunda sesión do ciclo sobre filosofía que, en colaboración co Seminario de Filosofía, demos en titular Voces da filosofía e a psicanálise.

O ciclo desenvolverase en catro sesións (5, 7, 13 e 26 de marzo de 2020,
ás 19 horas) nos locais de Aula D (rúa Elduayen 36, Vigo). Neste enlace está toda a información do ciclo completo.






O ciclo está organizado como homenaxe a Alberto Mariño.
Son raras esas
persoas dun talento excepcional que a miúdo se resisten á
publicación. Alberto Mariño era unha delas. Non son poucas, con
todo, as persoas que tiveron o privilexio de escoitalo, empezando
polo alumnado
e profesorado dos
diversos Institutos nos que impartiu clases, o público asistente ás
súas conferencias, a participativa comunidade dos Seminarios de
Filosofía e de Psicanálise que animaba de modo tan estimulante

nesta cidade. Vaia esta homenaxe, aberta a toda a
xente que ama o pensamento, como recoñecemento dunha gran débeda.




Filosofía e psicanálise son campos irmandados desde o momento en que
esta quere afondar nas estruturas psíquicas do suxeito e aínda iluminar
canto de ilusorio hai nesta categoría e todo o construído desde ela.
Eran ambos campos de interese e estudo de Alberto Mariño, que coa
intelixencia que lle caracterizaba nos axudou a penetrar. Este ciclo de
conferencias programado en homenaxe súa, e aberto a toda xente sensible
ás cuestións do pensamento, é dicir, a toda a sociedade, reúne algunhas
voces de ambos campos, filosofía e psicanálise, para facer diversas
calas sobre temas que nos apelan, que a ninguén deixan indiferente.




Nesta segunda sesión seguiremos facendo calas no mundo que nos constitúe con Manuel Fernández Blanco, psicólogo clínico
do Servizo de psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de A
Coruña, foi presidente da Escuela Lacaniana de Psicoanálisis e unha das
voces máis prezadas neste campo. Manuel Fernández Blanco amosaranos
algunhas das pautas actuais que nun momento específico da sociedade
capitalista configuran a nosa subxectividade, como é o caso da
compulsión xeradora de culpabilidade de que temos que ser felices. A que
se nos está invitando e impulsando? Que felicidade é esa á que se nos
apela sistematicamente? Que tipo de suxeito é o que se está a producir a
través destes e outros medios que parecen na superficie coincidir con
vellos anhelos da humanidade? A persistente pregunta polo que somos,
tradúcese na de como se fai que sexamos o que somos.