CICLO DECRECEMENTO

Tecnoloxización e decrecemento
Minería extractiva de terras raras
Iolanda Mato
Xulio Carmona
Xoves 28 de outubro, 19 horas
Salón de Actos da ONCE
Presenta Remedios Copa

Este xoves, 28 de outubro, terá lugar a terceira conferencia do Ciclo
Decrecemento, organizado polo Ateneo Atlántico de Vigo e a Rede
para o Decrecemento, Eo-Navia, Galiza, O Bierzo.

Este ciclo de
conferencias, coordinado por Remedios Copa Sánchez, organízase
desde o convencemento de ambas organizacións de que o crecemento
infinito é materialmente imposible e con elas preténdese divulgar
datos e información científica que poñan de manifesto a urxente
necesidade dun xiro cara ao Decrecemento, desde a evidencia da
emerxencia climática e a limitación de materiais imprescindibles
para seguir o ritmo actual de crecemento continuo.

A conferencia titulada “Tecnoloxización e decrecemento: Minería
extractiva e terras raras” que se levará a cabo no Auditorio
da ONCE, en Gran Vía 16, ás 19 horas, estará a cargo de
Iolanda Mato e Xulio Carmona, ambos con amplos coñecementos en
investigación sobre o tema.

Iolanda
Mato centrará a súa intervención na actual situación dos
límites planetarios recoñecidos para conservar o espazo seguro
para o desenvolvemento humano e a vida no planeta. Fará un repaso en
cifras dos requirimentos tecnolóxicos actuais e futuros da
4ª revolución industrial, e de como ese crecemento extractivo
feroz é incompatible coas reservas de materia prima, os impactos
medioambientais e a saúde.
Tamén
examinará a deriva extractiva da estratexia European Green
Deal e como os seus impactos sobrepasan os límites biofísicos do
planeta, e a necesidade de reevaluar os camiños e alternativas a
tomar.

Pola súa banda, Xulio Carmona porá en cuestión o novo ciclo
produtivista insustentable da 4ª revolución industrial (as
redes 5G, Internet das cousas, Big data, Intelixencia artificial,
Robotización,…), que, lonxe de ser inocuos e sustentables, veñen presentándonolos co binomio publicitario de “verde
dixital”, encubrindo o seu impacto exponencial tanto no terreo
ambiental, da saúde e do control social, e afondará na actual
crise ecosocial.

O acceso é gratuíto ata completar aforo.