Neste 2.022 a Real Academia Galega pon en valor a obra de Florencio Delgado Gurriarán dedicándolle o “Día das Letras Galegas”. O próximo xoves 7 de abril, o Ateneo Atlántico organiza un acto onde nos mergullaremos na traxectoria vital e na obra deste extraordinario e comprometido poeta.
Letras
Galegas 2022
Florencio Delgado Gurriarán
As Letras do exilio
Xesús Alonso Montero
Ricardo Gurriarán Rodríguez
Presenta: Laura Caveiro
Xoves 7 de abril de 2022, 19 horas
Salón de actos da Zona Franca
(Rúa Areal, antigo rectorado)
Entrada libre ata completar aforo
A presentación e moderación estará a cargo da escritora Laura Caveiro e intervirán como relatores Xesús Alonso Montero e Ricardo Gurriarán Rodríguez.
Dificilmente topar con mellores estudosos sobre as extraordinarias comprometidas, modernas, e cosmopolitas obras realizadas, desde o exilio e a morriña, por Florencio D. G.:
Alonso Montero foi quen, desde 1963, de converterse no seu maior valedor e, no seo da RAG xa tiña avogado pola súa designación para o Día das Letras Galegas no 2.002. Proposta reiterada, e aprobada, neste 2.022.
Ricardo Gurriarán, autor da fundamental, documentada e magnífica primeira biografía sobre Florencio Delgado Gurriarán, editada en 1.999.
Florencio Delgado Gurriarán
Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo de Valdeorras o día 27 de agosto de 1903. Era o menor de cinco irmáns. Viviu en Córgomo ata os seis anos en que marcha a Ourense e ós dez a Palencia. Nesta última cidade estudou o bacharelato e a carreira de Dereito en Valladolid. No ano 1928 volveu vivir a Córgomo, comezando a traballar como pasante no bufete do avogado Segudo Trincado.
Da personalidade de Florencio, do seu compromiso coa súa terra, fala o feito de que se integrase plenamente cando regresou á súa aldea, e iso que levaba case toda a vida fóra. É un aspecto que salienta Ricardo Gurriarán no seu libro Florencio Delgado Gurriarán (Edicións do Castro, Sada, 1999). Florencio participaba en tódalas actividades que se organizaban na aldea (de moitas delas era el o organizador).
Gustáballe a música e posuía unha voz que destacaba en tódalas festas e esmorgas que facían os mozos de Córgomo, e iso que este lugar sempre gozou dunha merecida fama de bos cantantes.
O compromiso e apego á súa terra levouno a vincularse ás Irmandades da Fala, ao Partido Galeguista e ao Partido Nacionalista Republicano de Ourense.
Coa Guerra Civil tivo que exiliarse en México en 1939, tras pasar antes por Portugal e Francia.
En México dirixe as revistas “Saudade” e “Vieiros”(1959).
Volveu a Galicia en 1968, 1976 e en 1981(para ser pregoeiro das festas do Cristo, tomar posesión como Membro de Mérito do IEV).
Estas visitas nunca foron definitivas xa que sempre terminaba regresando a México.
O día 14 de maio de 1987, cando tiña 84 anos, morría en California.
As súas cinzas foron trasladadas ó seu Córgomo natal.
Xesús Alonso Montero
Nado en Vigo en 1928, é un dos ensaístas máis importantes da Galicia das últimas décadas. Presidente da Real Academia Galega, catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o seu labor como escritor, tradutor e conferenciante fai del un dos intelectuais máis recoñecidos e premiados da nosa hora.
A copiosa produción científica de Alonso Montero abrangue os eidos da sociolingüística, a historia, a teoría e a crítica literarias e tamén a literatura comparada.
Libros como O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado) (1991) son imprescindibles para comprender a realidade idiomática e cultural galega do último medio século.
Así mesmo, as súas achegas á edición e estudo monográfico de autores clásicos da literatura galega fan que hoxe coñezamos máis e mellor voces como as de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Castelao, Manuel Leiras Pulpeiro, Celso Emilio Ferreiro, Florencio Delgado Gurriarán, Ramón Piñeiro ou Xosé Filgueira Valverde, entre moitos outros.
Colaborador en numerosos medios de comunicación, orador en palestras internacionais, profesor convidado en diferentes universidades de todo o mundo, o seu vencello coa cultura arxentina e o interese polos seus intelectuais é unha constante no seu quefacer, tal como amosan os abondosos ensaios que ten dedicado a figuras galegas da emigración e o exilio como Castelao, Blanco-Amor, Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado ou Dieste e tamén a outras propiamente porteñas, poño por caso, Francisco Luis Bernárdez.
Infatigable pescudador das letras galegas, Alonso Montero é tamén un importante estudoso da obra doutros creadores de ámbito hispánico como Federico García Lorca, Antonio Machado, Miguel de Unamuno ou Ramón María del Valle-Inclán.
Alén da súa inxente produción ensaística, cómpre salientar as súas incursións no ámbito poético con títulos como Versos satíricos ao xeito medieval (1998) ou Versos republicanos e outros versos políticos (2002), así como ocasionais achegas á literatura dramática en obras como Un xuízo oral (bilingüe) nunha vila galega. Outono 1942 (2014).
Ricardo Gurriarán Rodríguez
Naceu no 1953 en O Barco de Valdeorras.
É licenciado en Educación Física (INEF) pola Universidade Politécnica de Madrid e desenvolve o labor docente no IES A. Xelmírez I de Santiago de Compostela desde 1977.
Doutorouse en Historia Contemporánea na USC (2004) co traballo «A investigación científica en Galicia (1900-1940): institucións, redes formativas e carreiras académicas. A ruptura da Guerra Civil».
Comezou a investigar sobre Valdeorras, a guerra civil e o exilio literario e científico.
Participou en varias obras colectivas e foi comisario de diferentes exposicións.
Forma parte de varios equipos de investigación da USC e da Fundación 10 de marzo.
Ten publicados máis de cincuenta artigos e media ducia de libros.
Actualmente, centra os seus estudos na investigación dos movementos sociais na Universidade de Santiago.
Destacan, entre outros libros, “Florencio Delgado Gurriarán”, “Obella Vidal, investigador, empresario e galleguista”, “Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968”, “Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, turismo e país” …
Obtivo o Premio Tertuliano Hervella (2003) con “Gonzalo Gurriarán (1904-1975)”; e o Premio da Crítica (2007) coa publicación “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1936)”.
Laura Caveiro
Nada en Vigo en 1967 é unha escritora galega; autora, entre outras obras, das novelas: “Polas inmensas e alleas
fortunas”, publicada por Edicións Xerais de Galicia en 1995, e “As naos afondando”, editada polo Liceo Rubia Barcia no ano 2000, coa que gañou o I Premio de Novela Cidade de Ferrol-Liceo Rubia Barcia de 1999.
Como autora de relatos ten publicado en libros colectivos os contos “A parábola do samaritano”, no volume Narradoras, de Edicións Xerais, 2000, e “Os ciclos da natureza”, en “Narradio 56 historias no ar”, Edicións Xerais, 2003. Participou tamén no 2003 no volume colectivo Alma de Beiramar (A Asociación de Escritores en Lingua Galega en contra da marea negra).
Colabora habitualmente na prensa escrita como crítica literaria