O Ateneo colabora con “PONTES: cinema para atravesar fronteiras”

O Ateneo Atlántico colabora nesta 6ª edición de Pontes – Semana do Cinema Galego e Portugués, que se celebrará do 22 ao 24 de outubro de 2026 en dúas sedes: nos Cines Norte e no MARCO.

2026-10-22 Pontes

A sexta edición da Semana do Cinema Galego e Portugués reunirá en Vigo 16 películas de Galicia, Portugal, Brasil e África, con estreas en España e Galicia.

PONTES – Semana do Cinema Galego e Portugués celebrará a súa sexta edición do 22 ao 24 de outubro, no Museo MARCO e nos Multicines Norte de Vigo, cunha programación que reúne 16 películas de Galicia, Portugal, Brasil, Cabo Verde, Mozambique, Angola, Guinea-Bissau e São Tomé e Príncipe.

O principal destaque desta edición será a estrea en España de A Memória do Cheiro das Coisas, do realizador portugués António Ferreira, unha coprodución Portugal-Brasil de 2025 e candidata de Portugal ao Mellor Filme Internacional nos Premios Óscar 2027. A película, un drama intimista arredor dun veterano da Guerra Colonial e a memoria do seu pasado, clausurará a programación cinematográfica o 24 de outubro ás 20:00 h nos Multicines Norte.

A programación inclúe tamén varias estreas en España e Galicia, reforzando a vontade de PONTES de achegar ao público galego cinematografías que teñen escasa presenza nas salas.

O festival abrirá o 22 de outubro no MARCO, ás 17:30 h, co bloque de curtametraxes Ventura, formado por N’XKA BA SULU / VOU PARA ANGOLA, de Jéssica Lima —estrea en España—; Couraça, de Susan Kalik e Daniel Arcades —estrea en Galicia—; Latitude Fénix, de Welket Bungué, e As Mãos da Pulpeira, de Silvia Cachafeiro. Ás 20:00 h, nos Multicines Norte, proxectarase Hanami, de Denise Fernandes.

Sobre Pontes

Pontes nace da experiencia de Abella Producións na organización de máis de 15 edicións de festivais e mostras de cinema e é a continuidade da antiga mostra Ponte Coa Lusofonía, celebrada durante catro anos consecutivos na cidade de Vigo. O cambio de nome responde á vontade de ampliar o proxecto e consolidalo como un espazo de encontro para o cinema galego e para as cinematografías dos países de lingua portuguesa e os seus idiomas orixinarios.

Pontes non é só unha mostra de cinema. É tamén un espazo para o diálogo, a formación, a reflexión e a cooperación. A través de Impulsa Cine, celebramos unha masterclass e unha mesa de debate con profesionais e realizadores de Galicia, Brasil e Mozambique, abordando cuestións relacionadas coa creación, a industria audiovisual, a cooperación e os novos camiños do cinema.

Fonte: Pontes – Semana do Cinema Galego e Portugués

Máis info: Nota de prensa