Nesta segunda reunión do Club de lectura do Ateneo Atlántico a obra que analizamos foi “A dúbida” de María Reimóndez. Non foi posible contar coa autora por atoparse fóra da cidade. A dúbida recibiu o premio na décimo cuarta edición do certame de novela por entregas de La Voz de Galicia.
O feito co que se inicia é coa chegada por sorpresa da policía á casa da protagonista para deter ao seu home (un concelleiro do pobo), por un presunto delito de abusos sexuais a unha menor filla duns amigos. O conflito psicolóxico que vive a partir deste momento vaina levar a reflexionar profundamente sobre o nivel de coñecemento que tiña da súa parella e a replantexarse a súa vida. A novela trata temas de denuncia social de moita actualidade. Os abusos sexuais mestúranse coa corrupción política, o acoso dos medios e as redes de prostitución. Todo isto nunha narración necesariamente curta pola obriga de aterse as normas do certame do xornal. Trinta capítulos de tres páxinas cada un. So coa experiencia e mestría dunha autora veterana pódese argallar unha historia que atrapa dende o inicio e mantén a intriga.
No debate, falamos dun xeito fluído da pericia da autora para falar dun tema tan espiñento. En xeral foi unha obra do agrado das persoas participantes no club. Botamos en falta un afondamento maior na psicoloxía dos personaxes. Sóubonos a pouco, pero como xa comentamos, entendemos que a estrutura obrigada tivo moito que ver nesta esquematización. Por outra banda esta concreción contando o máis importante pareceunos admirable.