CLUB DE LECTURA
O infinito nun xunco. Irene Vallejo

Resumo da xuntanza

O mércores 6 de outubro tivemos a sesión sobre o libro “O Infinito nun xunco” de Irene Vallejo.
Reunímonos 19 persoas que fomos partillando as impresións que o libro nos produciu.

Como aspectos que máis nos gustaron destacamos:

  • Moita erudición. Cita grande cantidade de datos e historias do mundo clásico que mestura maxistralmente con anécdotas persoais ou películas e libros da actualidade.
  • Moi poético, comezando polo título, e de gran riqueza lingüística. Amosa unha grande paixón polas palabras.
  • Moi didáctico, alguén veu incluso exceso de didactismo, que fai que sexa moi atractivo para todo tipo de persoas.
  • Humaniza o ensaio, narra marabillosamente e con enorme sensibilidade.
  • Contempla os saberes holisticamente.

O que menos nos gustou foron as repeticións excesivas que se producen ao longo do libro.
Sabendo que gañou o premio nacional de ensaio, xerouse unha polémica sobre se era propiamente un ensaio porque o viamos como xornalístico, máis coma unha reflexión descritiva que a fundamentación dunha hipótese.
Concluímos que a mestura de xéneros dálle un encanto especial, unha frescura que desmonta a xerarquía dos ensaios tradicionais e achega o mundo clásico á xente.
Alguén mencionou que xa vai pola 41 edición en castelán.

En canto á forma é un libro narrado en primeira persoa, dividido en dous grandes capítulos que son Grecia e Roma e subdividido en pequenos anacos con títulos moi suxestivos.

En xeral todxs estabamos moi contentxs coa lectura, desfrutámola, falamos de que a fixeramos de xeito demorado porque, dada a súa densidade, queriamos saboreala aos poucos.
Na segunda parte da sesión visualizamos o vídeo que nos enviou amablemente María López Suárez, tradutora ao galego da obra de Irene.
Nel contesta a unha serie de preguntas que lle fixemos dende a organización do club de lectura.
Agradecemos “infinito” a súa colaboración.