de Manuela Gonzaga
O Ateneo Atlántico, xunto co Instituto Camões en Vigo e a Bertrand Editora, presentan o libro Doida não e não! da escritora Manuela Gonzaga.
O acto terá lugar o vindeiro venres 18 de maio, ás 19.30 horas, na sede do Instituto Camões en Vigo (Casa Arines, Praza do Tenente Almeida).
Na presentación, e ademais da propia autora, intervirá o doutor Adrián Gramary, psiquiatra vigués que exerce no Centro Hospitalar de saúde mental Conde de Ferreira do Porto, clínica (daquela manicomio) na que se desenvolven os feitos relatados no libro.
Actuará como presentador José Luís Mateo.
O libro narra a historia de Maria Adelaide Coelho da Cunha.
É a vida dunha muller da alta sociedade portuguesa, e do ‘escándalo’ que provoca en todo o país nas décadas de 1910 e 1920.
Maria Adelaide, casada, nai dun fillo, e con 48 anos de idade, fuxe co seu chofer lonxe do domicilio conxugal. Descubertos nunha aldea do distrito de Viseu, o marido, rico e poderoso, consegue que o amante sexa recluído no cárcere e ela internada no hospital psiquiátrico Conde de Ferreira de Porto.
A partir dunha historia propia de folletín, comeza outra non menos real e épica: a loita dunha muller que durará anos e que se verá envolta en xuízos e diagnósticos nos que intervirán os mellores psiquiatras do Portugal do momento e que, un por un, confirmarán a enfermidade mental de Maria Adelaide, xustificando así, o mantemento do seu internamento.
Maria Adelaide Coelho permanecerá ingresada no manicomio cerca de trinta anos, desde pouco máis dos 48 cos que empeza a odisea ata a idade de 77.
Alén da historia persoal da protagonista, trátase dun elo máis da Historia universal da muller.
Da súa falta de dereitos civís, do exceso de poder e dereitos do home, das relacións entre matrimonio e propiedade incluíndo as máis macabras, do machismo e os celos levados a extremos, estes si, patolóxicos, do corporativismo masculino exercido desde todas as instancias de poder…
Pero, por riba do demais que se poida dicir, estamos ante un episodio máis da loita das mulleres en favor da súa dignidade e dereitos, por unha banda, e da motivación, valor e fiabilidade dos diagnósticos psiquiátricos pola outra.
A presenza da autora do libro, profunda coñecedora da historia, verase enriquecida pola participación profesional do Dr. Gramary.