O 5 de Marzo de 2025 estivemoa no noso local 19 persoas, coa presenza da autora do libro, Llerena Perozo, co ánimo de enriquecer a lectura de Os anos tranquilos (2024).

2025-03-05 ClubLectura AnosTranquilos

A autora vive no rural onde está creando un espazo de agrocultura. Escribe opinión, participa na Revista Grial e é colaboradora no faladoiro A Cróncia 20h e no Informativo Galicia por diante, en Radio Galega e TVG2. Publicou tres libros de divulgación sobre igualdade e ecoloxía, imparte talleres de comunicación dende a perspectiva de xénero, de igualdade e apoderamento para mulleres así como de prevención da violencia machista. Traballou en Versátil Servizos Editoriais, asesorou a Consellería de Medio Ambiente, foi responsable de varios recitáis poético-musicais e produtura audiovisual e dramática. Antes da pubicación da obra que nos convoca escribiu Pérez, Historia dun triunfo (2021). A súa vida, actitude e obra están vertebradas en catro eixos fundamentais: o activismo ecofeminista, e a atención á cultura, medio ambiente e igualdade.
Os anos tranquilos é unha odisea con final, podemos considerar feliz se atendemos á vontade da protagonista de recuncar, iniciar un proxecto desexado e, cando as súas forzas así o indicaron, por fin aos
seus días.
A estrutura, que resume a narradora na páxina 358, da razón da división das tres partes do libro: os anos do mar, os anos do asfalto e os anos da herba. Odisea, pois, polos moitos avatares que tivo que combater, encarar, dar variadas, arriscadas e expeditivas respostas, crearse a se mesma intelectual, persoal e socialmente, e sen perder, en ningún momento, a pesares da súa evolución, progreso e status, as súas oríxenes de muller humilde (a simboloxía das mans, que inician e rematan o relato, son mostra preclara de que nas mans está esenciado o devir e o paso do tempo; hai que suliñar que no debate houbo impresións e valoracións distintas de se non sería o intelecto e non as mans quen merecese esa ollada; feraz intercambio de pareceres, que coma sempre alonga o valor da escrita).
Un dos grandes acertos é a resolución de tomar a perspectiva dunha narradora protagonista en primeira persoa [narradora muller e heroína, contrapoñendo que sempre, como acontece usualmente, son os homes os contadores, actores e protagonistas; ademais, a risco de non contrastar outras fontes, pois é a única relatora, trasmite memoria viva sen termos necesidade de pescudar, investigar e analizar]. Quixemos entender que hai un trasfondo, que nos invita a pensar que a narradora ten unha interlocutora, a xeito de segunda persoa, a quen vai destinado o relato e, ao ser memoria viva dun percorrer histórico, tamén, nós, lectorado, somos cómplices porque somos o destino final. A base desta segunda persoa está fundamentada na onomástica (os nome e apelidos da protagonista e familia), na referencia do pobo pacense “Llerena”, o nome dunha xornalista “María Xosé”, que cobra peso ao final do libro onde acontece Os anos da herba… e outras chiscadelas como o lugar onde desembarca a protagonista que semella emparentar cun lugar moi coñecido, deixan entrever que a historia que nos contan ten destinatarios moi concretos e nominalizados.
No libro asistimos a multitudes de temáticas e reflexións: ten cabida a diversidade do amor, a inmanencia dos amores auténticos, os remorsos e a culpa, a influencia do contexto nas actuacións, a inmigración de ida e volta –co salientable de non sentirse extraños-, con arribo feliz, a aplicación da xustiza pola man, a vindicación do feminimo e o apoderamento da muller, a consecución de obxectivos, a impunidade, a defensa dunha morte programada (digna, dende a versión de María, a protagonista), ao resumo do título nos momentos felices das vidas e non nos truculentos e a unha certa visión romántica polo pouso de acougo que nos trasmite.
Suscitou dúbidas o título, as características dalgúns personaxes masculinos, a propia historia que semella inverosímil ás veces (a autora, no coloquio, argumentou os motivos). Gustou a fluidez da prosa, o traballo de documentación, a vértixe narrativa, as moitas decisión tomadas, os retratos dos personaxes, as referencias sociolóxicas, antropolóxicas, filosóficas e literarias do libro e a valentía de tomar a decisión de contalo.
Despedímonos agradecidos, colmados e satisfeitos da proposta de Os anos tranquilos. O próximo encontró é con Desierto sonoro de Valeria Luiselli