Manifesto do Ateneo Atlántico pola cultura en Vigo

O Ateneo Atlántico de Vigo, consciente
da enorme fenda que a pandemia está a provocar no tecido cultural
desta cidade comunica o seguinte:
Manifestamos a nosa profunda
preocupación pola grave situación que percorre o conxunto da
sociedade e trasladar a nosa dor e solidariedade a todas aquelas
persoas que directa ou indirectamente están a sufrir os efectos
desta pandemia, mormente os afectados na súa saúde. Ao tempo,
expresar o noso absoluto respecto, agradecemento e solidariedade con
todas aquelas persoas e colectivos públicos e privados que
están, admirablemente, loitando en primeira liña, contra o maldito
Covid-19.
Esta crise de pesadelo obríganos a
pór, como asociación social e cultural que somos, as nosas
capacidades ao dispor de calquera solicitude que se considere posible
e necesaria para contribuír a paliar e superar os efectos que se
están a producir.
O Ateneo Atlántico é consciente das
graves consecuencias que esta crise está a provocar no tecido cultural da cidade, xa abondo castigado
con anterioridade á devastadora pandemia.
Consecuencias non moi diferentes ás
que están a sufrir outros sectores e territorios que merecen toda a
nosa preocupación e solidariedade; mais, conscientes das nosas
limitacións e ámbito de actuación, sentímonos especialmente
obrigados e comprometidos co contexto cultural da nosa contorna.
Debería resultar obvio comprender que
o desenvolvemento cultural, en todas as súas manifestacións creativas, é unha das principais bases
que alicerzan a convivencia das persoas nunha sociedade que aspire a
súa plenitude democrática.
A Constitución contempla a Cultura
como un Dereito Fundamental que os Poderes Públicos
deben promover, tutelar e asegurar o
seu goce a toda a cidadanía. Consideramos, pois, nestes difíciles
momentos, estériles os debates sobre se a sustentabilidade económica
da creación artística debe proceder da subvención pública/privada
ou ben simplemente depender da lei da oferta e a demanda.
Non deixa de sorprender a inexplicable
desvalorización que observamos que se ten sobre o importante
beneficio económico que xera o sector cultural; máis dun 3% do PIB
dun xeito directo ademais do que indirectamente crea a través do
turismo, imaxe… …
Centrándonos na nosa cidade
consideramos que dende xa hai moitos anos a aposta das principais institucións públicas e privadas é
ben mellorable. Aposta, practicamente inexistente tanto na implantación orzamentaria coma na
vontade política e social respecto ao seu compromiso co desenvolvemento cultural.
Deberiamos transformar estes momentos
de reflexión colectiva nunha oportunidade que poña en valor a enorme enerxía e vitalidade
que historicamente amosou, e está a amosar, o tecido cultural de
base da nosa cidade; enerxía e vitalidade amosada malia carecer, en
moitas ocasións, dos estímulos e apoios necesarios.
Consecuentemente coidamos precisa a
maior predisposición de todos os axentes económicos, sociais e
culturais da nosa contorna para lograr reverter a situación.
Chamamos pois a todas as institucións
Públicas (Concello, Universidade, Deputación, Xunta, Porto, Zona Franca…) e empresas cunha forte
interdependencia coa sociedade da nosa contorna (Abanca, Grupo PSA, Corte Inglés ,
Gadisa/Vegalsa,…) a contemplar nos seus futuros orzamentos e plans
de interacción social este imprescindible
investimento cara a unha sociedades máis crítica, produtiva, inclusiva, feliz e democrática.
Investimento que posibilite a
optimización dos recursos culturais actualmente dispoñibles e a adaptación ou creación de espazos
axeitados ás novas necesidades de eventos cunha participación máis
reducida e de proximidade.
Entendemos como imprescindible
contarmos coa implicación e participación da rica, competente, diversa e complexa comunidade de
emprendemento cultural á hora do deseño de calquera Plan de actuación. Plan que precisa da maior
transparencia e participación posible.
Apostamos pola creación de amplos
lugares de encontro de todos os axentes implicados onde se poidan
expresar e valorar todas as iniciativas cidadás. Coidamos necesario
máis que nunca, mais non suficiente, a creación dun Consello
Municipal de Cultura sen que iso supoña desbotarmos outros espazos
de participación.
Vigo, 14 de maio de 2.020
Ateneo Atlántico de Vigo