Vivenda, afectividade e saúde
Xosé Manuel Souto González
Zulmira Aurea Cruz Bomfim
Ramón Viéitez Rodríguez
Modera Anabel Mariño Bahamonde
Película: Playtime, de Jacques Tati
O cinemAteneo, a sección de cine do Ateneo Atlántico, viuse na
obriga de paralizar a súa habitual programación a causa da
situación tan complexa que estamos a vivir. Mais, malia que con
outro formato, retomamos o camiño.
Con ese propósito, o próximo xoves, 17 de decembro ás 18,30h.
organizamos un encontro telemático no que reflexionaremos sobre os
condicionamentos do noso hábitat / habitación no que atinxe ao
benestar e á sempre procurada felicidade. O título do acto é :
“Vivenda, afectividade e saúde”.
Playtime
A película que, desta xeira, pretendemos sirva de motivación,
introdución e fío condutor do interesante tema que se vai debater
é “Playtime” do xenial Jacques Tati, polo tanto, recomendamos
que todos os asistentes ao acto a teñan visto previamente.
Pódese ver, entre outras, nas seguintes canles:
-
Vimeo, acceso de balde en versión orixinal sen subtítulos:
https://vimeo.com/groups/584975/videos/332454159 -
Filmin, plataforma de cine independente
(aluguer 72h por
1,95€). -
Amazon Prime Video
acceso libre a clientes Prime. -
Outras plataformas populares de xeito gratuíto.
Playtime, como toda a filmografía de Tati, amosa o
transcurso do tempo e tamén a evolución da sociedade,
manifestándose ámbalas dúas na simboloxía transformadora
que vincula a arquitectura cos cambios sociais e as relacións
persoais, coa vinculación afectiva e a percepción do contorno ou,
dito doutro xeito, como o contorno da habitabilidade modifica
vínculos e afectos nas persoas.
Se a primeira película de Tati, desenvólvese nun contorno rural,
a seguinte xa contempla un enclave turístico; posteriormente, en “O
meu tío” representa o contraste entre un barrio tradicional y una
moderna zona residencial, na que coincide a destrución do barrio e a
marcha do protagonista no avión a outro lugar por motivos de
traballo. Tati va retratando así os cambios que se producen no
contorno da habitabilidade á vez que muda o xeito de vida e os
hábitos das persoas.
En Playtime desaparece a Francia tradicional e a escena sitúase
nun moderno aeroporto que, de entrada, podería ser calquera cousa,
pero que iremos identificando conforme se escoita o anuncio da
chegada do próximo voo. Esa escena, en principio inocua, reflectirá
certa estrañeza e, a partir de aí, nos irá sorprendendo coa
sensación de que todo é impersoal, frío, desconcertante, onde todo
semella abstracto.
É o retrato da Francia da posguerra e dos cambios sociais que
parecen diluílo todo. A uniformidade dificulta a orientación e as
relacións sociais vólvense confusas e difíciles; cada persoa vaga
a toda présa nesa maraña cun propósito distinto.
A apoteose que brinda a escena final ben podería darse nalgunha
situación actual en calquera outro lugar.
En definitiva, o obxecto da película non é outro que insinuar
como o contorno condiciona as nosas vivencias e inflúe profundamente
nas nosas emocións, no comportamento e na saúde, tanto mental como
física.
Como dicía Espinosa, a calidade democrática dunha cidade non
pasa polo criterio de lexitimidade ou ilexitimidade do poder, se non
que se define polos afectos que a cidade provoca nas persoas.
Se ben utilizaremos a película de Tati como referente, hai outras moitas que poden ilustrar o tema do debate. Algunhas destas obras recomendables sobre o tema a tratar son:
-
Documental “La Escala Humana”, na web de TVE.
-
Documental “En Construcción” (2001), dirixido por José
Luis Guerín. -
La mujer de la Arena (1964), dirixida por Hiroshi
Teshigahara, sobre a vivenda confinada. -
La estrategia del Caracol (1993), dirixida por Sergio
Cabrera. -
El pisito (1959), dirixida por Marco Ferreri.
Vivenda, afectividade e saúde
Para ilustrarmos sobre os diversos aspectos que inciden en algo
tan importante coma as condicións de habitabilidade nos acompañarán
no acto, que titulamos Vivenda, afectividade e saúde: Xosé Manuel Souto González, doutor en xeografía e
historia, especialista sobre territorio e urbanismo; Zulmira Aurea Cruz Bomfim, doutora en psicoloxía social e
especialista en psicoloxía, ambiental e social. Ramón Viéitez Rodríguez, arquitecto entregado ao coidado do patrimonio arquitectónico de Vigo. Actuará como moderadora, en representación do Ateneo Atlántico, Anabel
Mariño Baamonde.
Para acceder ao acto telemático utilizaremos a plataforma Jitsi Meet a través do seguinte enlace:
https://meet.jit.si/PresentAddressesPlaceWhere
Ademais das opinións que se manifesten respecto do argumento da película,
teremos a oportunidade de reflexionar sobre numerosos e variados temas.
- A planificación urbanística e o deseño interior das vivendas
- Que planificación urbanística precisamos?
- Insuficiencias máis habituais na estrutura das vivendas; son doadas de superar?: localización, servizos, sostibilidade, xestión dos residuos…
- Caducidade e/ou transformacións dos modelos… véxase Barrio de Coia.
- Pero sobre todo como esas planificación e deseño impactan:
- Na saúde, cales son as consecuencias na saúde física e mental dos moradores.
- Na construción social:
- É posible acadar o dereito humano e constitucional dunha vivenda digna universal?
- Distribución dos espazos públicos – privados / comúns – individualizados.
- É posible unha estrutura vivencial que contemple a superación de illamento e/ou abandono das persoas maiores e dependentes?
- Todo isto sen desatender deteminados aspectos de gran influencia como:
- Aspectos xeográficos e demográficos.
- Éxodo rural – cidade – rural… inevitable ?, desexable?, compatible?, necesario?
- Superpoboación, un problema real?
- Derivadas económicas:
- Alugamento versus propiedade.
- Espazos urbanizados coas mellores premisas, implican necesariamente incremento de status social, incremento do valor, expulsión das rendas máis baixas?
- As poboacións demasiado pequenas, poden acadar a masa crítica necesaria para xerar servizos básicos desexables? Como educación, sanidade, emprego, cultura/ocio, dependentes…
- Cascos vellos, históricos…, inevitable a súa transformación en parques temáticos non residenciais?
- Axentes activos no cambio, o rol das administracións, comunidades de montes… na transformación da paisaxe.
E en xeral… mellorarían as expectativas se a cidadanía fose
educada, ética e esteticamente, na importancia dos espazos
vivenciais cara o seu benestar físico e emocional?
Os nosos invitados
Para debater sobre os aspectos mencionados contamos coa presenza de tres convidados de especial relevancia.
Xosé Manuel Souto González
Nado en Vigo, é doutor en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela,
profesor titular da Universitat de València (Didáctica das ciencias
sociais) e catedrático de Xeografía e Historia de Ensino
Secundario.
A súa tese de doutoramento titúlase Desartellamento social e
caos urbanístico. Vigo, 1960-1980.
É membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e membro
fundador do Instituto de Estudos Vigueses.
Foi asesor de formación permanente do profesorado e profesor
colaborador de formación inicial nas Universidades de Alacant e
Valencia.
Dirixiu os Estudos Estratéxicos do Eixo Atlántico e o Consejo
Directivo del Geoforo Iberoamericano de Educación.
Os seus intereses
céntranse na didáctica da xeografía e na ordenación do territorio
e urbanismo na euro rexión do noroeste peninsular.
Codirector de teses doutorais sobre ensino da xeografía,
acuicultura e ordenación do medio nas Rías Baixas, ten dirixindo
memorias de licenciatura sobre as mesmas temáticas.
Relator en
diversos congresos internacionais sobre educación e xeografía forma
parte de Consellos de Redacción e asesor de diferentes revistas
universitarias e internacionais.
Coordina o proxecto educativo Gea-Clío, no campo da formación do
profesorado e investigación educativa.
Forma parte de diversos movementos sociais e culturais de
Valencia e Galicia, sempre disposto a colaborar desinteresadamente na
difusión do coñecemento crítico para mellorar as condicións
sociais.
Entre as súas publicacións cómpre subliñar:
Vigo. Cen anos de historia urbana (1880-1980), Xerais, 1990.
O Val Miñor, entre as transformacións rurais e as innovacións urbanas, 1991.
Vigo: proxecto e realidade do medio periurbano, 1994.
As parroquias, 1995.
Vivendas e cidades, 1997
Planeamento estratéxico e mercadotecnica territorial, 2001
Zulmira Aurea Cruz Bomfim
Licenciada en Psicoloxía pola Universidade Federal de Ceará
(1985), Maestrazgo en Psicoloxía pola Universidade de Brasilia
(1990) e Doutora en Psicoloxía Social pola Pontificia Universidade
Católica de São Paulo (2003)
Investigadora da Universidade de Barcelona no Espazo Público e
Rexeneración Urbana (2001) e Postdoutorado na Universidade de A
Coruña (2011)… e, así ate un total de 26 titulacións.
Como Profesora Titular do Programa de Posgrado en Psicoloxía da
Universidade Federal de Ceará, desenvolveu a investigación sobre a
líña de vulnerabilidade social e procesos psicosociais.
Traballa nas áreas de Psicoloxía, Ambiental e Social, actuando
principalmente nos seguientes temas: Cidade, mapas afectivos e
comportamentos proambientais, vulnerabilidade socioambiental e
xuventude.
Participou en innumerables congresos e eventos científicos.
Autora de diversos libros sobre a psicoloxía social e a
afectividade publicou ducias de artigos en diferentes revistas
universitarias de diversos paises.
Ramón Viéitez Rodríguez
Ramón Viéitez Rodríguez é arquitecto pola ETSA de A Coruña e
ten o Mestrazgo en rehabilitación e renovación urbana pola
Universidade de Santiago de Compostela. Na Escola Galega de
Administracións Públicas superou o «Curso de arquitectos ao
servizo da administración». É perito xudicial inmobiliario pola
Universidade Politécnica de Cataluña.
Impartiu tres obradoiros creativos de arquitectura para menores no
Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela.
Xunto con Alberto Cebral e Iria Rivas fundou o estudo de
arquitectura e consultora técnica Arquétipos!, construíndo obras
en diversas tipoloxías.
Co-promotor do Espacio Nido, un local para o traballo
colaborativo, dende o que se desenvolven múltiples eventos
culturais, situado na rúa Ferrería do Casco Vello de Vigo.
Coautor e editor dos libros da colección: “N550 da estrada á
rúa“, proxecto editorial de 6 volumes que pretende estudar o
fenómeno da cidade difusa galega e que pode atoparse en librerías
como Versus. Dito proxecto ten o propósito de indagar sobre a
cidade que se espalla inexorablemente por grande parte da xeografía,
esa urbe que algúns teóricos coinciden en cualificar de difusa,
outros de fragmentada e incluso algúns de global.
Partícipe da fundación da Asociación do Barrio Alto do Casco
Vello de Vigo que aposta pola integración social entre novos e
vellos convivintes nun contexto dun barrio en proceso de
transformación.
Froito deste compromiso promove a web multimedia “Fairúa”
(www.fairua.com) para a posta en valor do patrimonio material e
inmaterial, fomentando a cohesión social e promovendo o turismo
responsable no citado barrio.