O libro escollido poloClub de lectura do Ateneo Atlántico para esta sesión de marzo do 2026 foi A Madriña da escritora Nones Araujo.

Asisten 24 persoas con algunhas incorporacións (4 homes). Tratouse do libro A madriña de Nones Araujo, premio novela curta Alén do concello de Ares.
Julio Abalde propón a terna para a próxima sesión. Sae elixida El recurso del método de Alejo Capentier.
A autora fixo unha exposición da motivación e xénese do libro, así como dalgunhas anécdotas esclarecedoras.
A satisfacción por pola lectura de A madriña resultou unánime. Os termos máis repetidos nas intervencións para cualificar o libro e a experiencia da lectura foron: “encantoume”, “entrañábel” e “conmovedora”.
Comentouse que a sinxeleza da escrita non agacha a profundidade das emocións e sentimentos expostos. Destacouse o manexo de variados recursos literarios e a naturalidade poética para describir personaxes e ambientes, así coma as doses de humor tenro. Sinalouse a correspondencia entre o tema, a soidade e as vivencias da pícara, co estilo natural e mesmo doce. Considerouse acertado o tratamento dos dous temas principais: a emigración, a traxedia dos que fican na terra -a nena-, e o personaxe da madriña ben perfilado. Tamén se indicou o carácter plástico da narración, con abundantes imaxes expresivas e precisas.
Por outra banda, houbo quen expresou a sensación de que, se cadra, faltan páxinas, un maior desenvolvemento de certos episodios. Nese senso apuntouse certo desequilibrio no tratamento do personaxe da madriña, desaparecida en nove capítulos e o tratamento algo precipitado da catarse final.
Houbo un sentimento común de agrado pola experiencia gozosa da lectura e a súa posta en común.
