Primeira reunión do club de lectura no novo espazo Vitruvia, cunha asistencia de vinte persoas, para comentar a lectura de La península de las casas vacías, de David Uclés.

Xulio Abalde fixo un introdución breve e clarificadora sobre o autor e a obra.
Realizouse unha rolda de intervencións, algo longas por esta vez.
En xeral o libro gustou moito, mesmo entusiasmou a varios persoas. Destacouse a súa orixinalidade na escrita, a combinación de realismo co marabilloso xunto con varios elementos narrativos orixinais: as interpelacións á participación da persoa lectora, as referencias –recomendacións- musicais; os comentarios dalgúns personaxes sobre a súa propria participación na narración. E, en especial, o xeito da escrita que resulta poética, acumulando numerosas figuras de ton lírico que veñen suavizar o contido de catástrofe cruenta do tema, a sublevación golpista do 36 e favorecen a reflexión.
Sobre a combinación dos elementos máxicos co realismo houbo algúns matices minoritarios que consideraron excesiva a presenza deses elementos extraordinarios. Tamén se indicou que as partes da narración resultan algo desiguais no ritmo e interese.
Un dos trazos positivos case unánimes foi a visión da guerra, o punto de vista tomado desde unha familia labrega, sen politizar. Nos protagonistas resultan máis relevantes para a súa vida os lazos familiares e as tradicións populares cas opción político- ideolóxicas que non teñen. Sinalouse, alén da cebra persoal e familiar, o carácter telúrico, o esnaquizarse da propria Terra que se fende cunha erupción volcánica, A guerra como catástrofe integral.
Apuntáronse varios elementos de interese, como a relación amorosa entre os mozos que se sobrepón mesmo aos horrores da guerra, o non maniqueísmo, o traballo cos sentimentos, ou parentesco con Cien Años de Soledad entre outros.
O tema, a guerra en Iberia e as relación entre Historia e Literatura, ocuparon varias intervencións.
Quedou a idea de ser un libro moi orixinal, denso e interesante, tanto pola forma, o estilo da escrita, como pola abordaxe inédita dun tema histórico transcendente.