- This event has passed.
Medios e políticos, baixo sospeita
31 Outubro 2023 / 19:30 – 21:00
O martes 31 de outubro, o profesor e xornalista Luís Álvarez Pousa estará con nós para falar do seu último libro: Medios e políticos, baixo sospeita; 1990-2023. Será ás 19.30 horas na biblioteca da EMAO e estará acompañado de Xulio Ríos e María Xosé Porteiro.
Luís Álvarez Pousa (Vila de Rei, Trasmiras, 1948), é profesor titular de Xornalismo Especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixe a revista mensual de información e opinión para o debate Tempos Novos, que impulsou e creou canda outras 150 persoas de toda Galicia no ano 1997.
Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023 (Laiovento, 2023). A industria da información ten en Internet o aliado perfecto contra o que nun pasado recente facía dos medios de comunicación un contrapoder ao servizo da verdade. E da democracia. Os xigantes tecnolóxicos que dominan o espazo da información pública, como é o caso de Google, Facebook, Amazon ou Twitter, fan circular ininterrompidamente información como se dunha simple mercadoría se tratase. Sen que os poderes institucionais e políticos fixeran nada por regular esa nova orde global sostida polos contravalores da desinformación e a mentira. En medio dese tsunami, os medios tradicionais e o xornalismo son ao tempo vítimas -desactivan a súa función política de intermediarios- e cómplices -réndense ao sensacionalismo e deixan de preocuparse por interpretar o mundo.
Luís Álvarez Pousa, no libro, segue con mirada crítica ese proceso de progresiva degradación do noso máis próximo sistema de comunicación, e articulou un trazado de causas, efectos e responsabilidades que teñen no acontecer político, social e cultural dos últimos 33 anos a súa bagaxe contextual.
O autor conversará sobre o libro con María Xosé Porteiro (xornalista e escritora) e con Xulio Ríos (fundador do IGADI e ensaísta).
Coloquio aberto co público asistente.