Co comenzo do ano novo, voltamos a retomar as nosas actividades con folgos renovados, e interesantes propostas das que queremos que sexades participes.
O acto máis próximo vai ser unha Proxección + Debate co-organizado coa Asociación “Dereito a Morrer Dignamente” de Galicia, o día 16 de Xaneiro nos Multicines Norte, ás 20:00h. Miguel Mora, médico anestesiólogo, e Laura Abalde, Vicepresidenta da Asociación, falarán, apoiandose nun pequeno documental, do dereito que temos a morrer con dignidade e das implicacións que exercer este dereito ten. Esperamos poder continuar esta charla nun futuro con máis temas que relacionen Vida e Ética, e que toquen aspectos como a xestación subrogada/ventres de aluguer, ou o suicidio.
Queremos invitar tamén aos moitos socios do Ateneo interesados no Cine e na Literatura a unha xuntanza especial, o día 23 de Xaneiro no Espacio Cubo, para discutir ás novas actividades previstas nestes eidos, escoitar ás suas propostas e anima-los a integrarse e participar activamente. E tamén, o CinemAteneo voltará o segundo mércores de Febreiro cun novo ciclo, titulado provisionalmente, “Cine e Verdade”.
Coa idea de seguir promovendo o debate e a participación na vida
política e cultural da cidade, estase argallando un Estado da Cuestión
sobre o Benestar e as Politicas Sociais en Vigo para o día 6 de Febreiro.
Con posterioridade, quérese organizar un acto que permita escoitar as
principais forzas políticas que se presentarán ás próximas eleccións
municipais de Maio, e confrontar ás suas propostas para a Cultura e a
Cidade.
O 8 de Febreiro, virá Heitor Picallo a falarnos de Castañas e Castiñeiros na Casa da Cultura Galega, e o vencellamento desta árbore á nosa terra dende o medievo ata os nosos días.
Estamos preparando igualmente un acto para lembrar o Arquitecto Xose Bar Boo no 25 cabodano da súa morte, e achegarnos á obra do autor da Igrexa de A Nosa Señora das Neves, do Mercado de Porriño ou do Edificio Plastibar.
O día 22 de Febreiro faremos o primeiro dos actos deste ano no
que queremos homenaxear á María Xose Queizán no seu oitenta aniversario,
coa conversa que terá a propia Maria Xosé con Inma López e presentadas por Xina Vega. É a nosa intención continuar este acto o 11 de Marzo, no Día da
Muller, lembrando o seu tremendo labor polos dereitos da muller e o
feminismo.
A finais de mes, o 28 de Febreiro, teremos un debate no que se oporan as visión de Vigo na historía coas visión da cidade no relato e na ficción a cargo de Jorge Lamas e Pedro Feijoo, presentados por Maria Xosé Porteiro.
Para rematar, queremos retomar ao longo do trimestre tamén as saidas e as actividades ao aire libre, cunha viaxe para coñecer Ribadavia e a comarca do Ribeiro, e o profundo vencellamento da producción do viño coa paisaxe e a cultura dunha comarca, e se espertamos o voso interés, repetir posteriormente cunha viaxe Ás Neves e os petroglifos recentemente atopados nos Montes de Taboexa.
E sobre todo, animarvos a participar activamente nas actividades, e a que propoñades ás propias vosas ideas de actos, pois o Ateneo é de todos.