- Este evento pasou.
Repensar a arquitectura medieval
25 Febreiro / 19:30 – 21:00
O martes 25 de febreiro, a partir das 19.30 teremos un encontro coa arqueóloga e historiadora Rebeca Blanco Rotea para falar sobre ‘Repensar a arquitectura medieval (novas formas de investigación). O acto terá lugar na biblioteca da EMAO e estará presentado por Xosé Carlos L. Bernárdez.

A finais da década de 1980 introdúcese en España unha nova metodoloxía para o estudo das construcións históricas dende a Arqueoloxía, a análise estratigráfica de paramentos, o tipo de análise máis difundida da disciplina que se coñece como Arqueoloxía da Arquitectura. Na década de 1990 esta nova maneira de identificar a secuencia construtiva dos edificios históricos difundiuse rapidamente pola península ibérica, é aplícase por primeira vez en Galicia no Faro romano de Hércules. A primeira consecuencia para a investigación básica foi o desenvolvemento de novas interpretacións para moitos edifícios medievais que resultaron ser anteriores ou posteriores ao que se viña afirmando dende a historiografía tradicional. A segunda, o afianzamento dunha investigación aplicada no campo da restauración arquitectónica. A partir desde momento, dende a USC e o CSIC comeza a desenvolverse unha importante actividade para a revisión de edificios fundamentalmente altomedievais galegos, a formación especializada e a divulgación do método de investigación. Nesta charla mostraremos a través de varios exemplos un novo panorama interpretativo que fai necesaria a revisión de moitos edificios da Antigüidade Tardía e a Alta Idade Media galega, e tamén o papel de Galicia, cunha importantísima actividade construtiva nos mal chamados séculos escuros, como periferia.
Rebeca Blanco Rotea
Vigo, 1973.
Licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela en 1996, e doutora en Arqueoloxía pola Universidade do País Vasco en 2015. Traballa no estudo das construcións históricas dende unha perspectiva arqueolóxica. É profesora da Facultade de Xeografía e Historia da USC e membro do Consello da Cultura Galega. Pertence ao Consello de Redacción da revista do CSIC Arqueoloxía da Arquitectura e ao Consello Asesor da Revista do CSIC Cadernos de Arqueoloxía e Patrimonio (CAPA).
Foi a coordinadora do informe que vén de presentar o Consello da Cultura Galega Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia, sobre o impacto dos eólicos no patrimonio natural, paisaxístico e cultural.