- Este evento pasou.
Recital poético a Cabeleira
13 Marzo / 19:30 – 21:00
“A cabeleira (Fragmentos)” é un poema de Claudio Rodríguez Fer que foi traducido a setenta idiomas. O Ateneo presenta un recital poético arredor de A Cabeleira. Contaremos co autor, Claudio Rodríguez Fer, coa autora da cuberta do libro, Carmen Blanco, e 20 invitados e invitadas que lerán fragmentos do poema nos seus respectivos idiomas. Será o mércores 13 de marzo, ás 19.30 horas, na biblioteca da EMAO. Presenta Anxo Cabada.
Eu nacín nun país verde fisterra que vagou errante tras manadas de vacas.
Incerto fillo son das tribos móbiles que só se detiveron cando se lles acabou o mundo.
Non teño outras raíces que as da espora nin outra patria habito que a do vento.
Síntome da estirpe daqueles pobos nómades que nunca se constituíron en estado.
O noso espírito coñeceu o abismo e o sentido telúrico do contorno natural.
No acto participarán Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, Carmen Blanco, escritora, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e autora do debuxo e caligrama das cubertas e Anxo Cabada, fotógrafo, docente e ex-presidente e vicepresidente do Ateneo Atlántico de Vigo.
Ademais contaremos coa presenza de vinte persoas que lerán fragmentos do poema A Cabeleira noutros tantos idiomas:
- En galego, o autor, Claudio Rodríguez Fer
- En portugués, Ana Gravata
- En asturiano, Antonio García Ordóñez
- En castelán, Sara R. Espiñeira
- En catalán, Mar Sasha Kuitenbrouwer
- En francés, María Lopo
- En italiano, Cristina Marchisio
- En romanés, Adina Ioana Vladu
- En xudeo-español, Manuela Aira
- En latín, María Álvarez Díaz Castañón
- En inglés, Adina Ioana Vladu
- En alemán, Nicolás Chantada
- En neerlandés, Gideon Kuitenbrouwer
- En sueco, Marta Dahlgren
- En grego clásico, Daniel García Cancio
- En grego moderno, Sula Repani
- En ruso, Ekaterina Yakovleva
- En chinés, Marola Padín Novas
- En xaponés, Gabriel Álvarez Martínez
- En barallete, Laura Paz Fentanes
- En esperanto, Cristina Fiaño
“A cabeleira (Fragmentos)” é un poema de Claudio Rodríguez Fer escrito en varios momentos do verán de 1984, concretamente durante unha estancia en Fisterra, unha viaxe a París e unha excursión ao Courel, motivado pola longa cabeleira de Carmen Blanco. Foi publicado por primeira vez na revista Grial en 1985, pero axiña apareceu en numerosas revistas e antoloxías tanto en galego como en castelán o que foi motivando a súa tradución a diferentes idiomas en moi diversas edicións, mesmo fomentando a creación dunha páxina web na que se recolle tanto a súa historia como todas as versións políglotas. Agora, esta nova edición, incrementa as linguas de tradución ata acadar os 70 idiomas nun coidadoso traballo avalado pola profesionalidade dos tradutores implicados no proxecto. (Da ficha do libro no Consorcio Editorial Galego).