- This event has passed.
Pressentación libro: Chisco Fdez Naval
20 Novembro 2023 / 19:30 – 21:00
O fascinante inverno do animal de fondo.
Ser cetáceo é o título do último libro de Francisco X. Fernández Naval, libro que presentará con nós o luns 20 de novembro, ás 19.30 horas na biblioteca da EMAO. No acto, o autor estará acompañado de Chis Oliveira e Antonio García Teijeiro.
Na organización deste acto, xunto co Ateneo Atlántico, participan a editorial do libro (Bululú), a Agrupación Amiga do MARCO e o Concello de Vigo a través da Escola Municipal de Artes e Oficios.
Ser Cetáceo
Ser cetáceo é unha sombra mergullada nas profundidades do mar, unha silueta que se converte tanto no mito que emerxe baixo a forma de Leviatán como nos mamíferos que, a diferenza de nós, se negaron a abandonar os océanos.
Esta é unha obra inclasificable, a recompensa dunha vida adicada ao estudo, as reflexións dun experto coñecedor do tema que consegue engancharnos e sorprendernos coa súa capacidade de relacionar todo o que nos define como humanos cuns seres tan especiais e próximos como son os cetáceos, que influíron e inflúen nas nosas existencias dun xeito que nin sequera podemos sospeitar.
Estes son os seres que serven de fío condutor nesta viaxe, os que nos levan dende os gravados nas pedras paleolíticas até a súa caza e explotación nun pasado recente.
(Da ficha do libro na editorial Bululú).
Francisco X. Fernández Naval
Ourense, 1956. Narrador e poeta en lingua galega.
Licenciouse en Filosofía e Ciencias da Educación.
En 1980, publicou A fonte abagañada, o seu primeiro poemario, que daría pé a unha carreira literaria chea de éxitos e variación en distintos xéneros literarios. Dende a poesía á novela pasando polo relato ou a narrativa xuvenil e infantil; dende o ensaio ás guías de viaxe, artigos en revistas, guións televisivos, teatro, etc.
Dende outubro de 2022 forma parte da Comisión de pensamento do Consello da Cultura Galega.
Ao longo da súa carreira fíxose acreedor a numerosos premios e recoñecementos literarios entre os que podemos destacar o Premio Xerais (1988 O bosque das antas), Premio de poesía Cidade de Ourense (2007 Miño), Premio Irmandade do Libro ao mellor libro (2012 A noite branca), Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de non ficción (2014 O soño galego de Julio Cortázar), Premio á mellor obra infantil na IV Gala do Libro Galego (2018 Os contos da avoa Pepa), Diploma de Poetae Insignis da Comissioni di Lettura Internazionale, Trento, Italia, e un longuísimo etcétera.
No eido do ensaio, ao que pertence a obra que hoxe nos presenta, tocou os temas literarios (Respirar polo idioma ou O soño galego de Julio Cortazar), as guías de viaxe (sobre A Coruña, Pereiro de Aguiar, Ourense ou Ribeira Sacra), a memoria histórica (á que nos achegou, tamén, a través dos guións documentais), e os relacionados, como este de hoxe, coa natureza.