Loading Events
  • This event has passed.

« All Events

Presentación libro, Xina Vega

22 Abril / 19:30 21:00

O luns 22 de abril, ás 19.30, na biblioteca da EMAO, a nosa amiga e afiliada Xina Vega presenta con nós o seu último libro, O teu perfil na miña sombra (Diario dunha nai). No acto estará acompañada de Carme Adán, Inma López Silva e Marcos Calveiro.

2024-04-22 Presenta XinaVega
O libro

O teu perfil na miña sombra non é exactamente unha narración, tampouco un libro de poesía nin un ensaio, pero baixo a forma de diario recolle todos eses rexistros para indagar nun dos temas esenciais da reflexión sobre o “ser muller”: a maternidade.
Durante moito tempo, este aspecto, absolutamente decisivo, estivo infrarrepresentado, unha experiencia agochada dentro de corpos e voces silenciadas. A definición da maternidade viña desde outro lugar, marcada por arquetipos perversos que levaban cosidos moi dentro a idea do sacrificio e o seu reverso de culpa.
A partir da marcha da filla, asistimos nestas páxinas ao relato dese temp o marcado pola síndrome do niño baleiro, o que dá pé a unha reflexión sobre o complexo mundo das relacións materno-filiais, sobre o que herdamos e o que só á nosa responsabilidade pertence, sobre a vivencia do corpo, sobre as sombras e mais o gozo. De fondo, a consciencia da tremenda ambivalencia dunha aventura que se debate entre o un e o diverso, entre a apropiación radical da outra e a asunción, tamén radical, da alteridade.
(Da ficha do libro na editorial Galaxia)

Xina Vega

(Vigo, 1966) é unha profesora universitaria e serodia escritora de ficción. Comezou no ámbito do ensaio filolóxico con estudos como Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (Premio Ricardo Carvalho Calero 1997) e na tradución literaria, acadando o premio Stendhal por El secuestro, versión de La Disparition, de Georges Perec.
En 2007 publicou a súa primeira novela, Cardume, galardoada co Premio Xerais; en 2012 deu ao prelo Dark Butterfly e en 2017 Nadie duerme, versión que aparece retroautotraducida para o galego en 2019 como Ninguén dorme. Colaborou no volume Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017) e na antoloxía Textos potentes. Atlas de literatura potencial, coordinada por Pablo Martín Sánchez (2019). En 2020 publicou, en Editorial Galaxia, a novela O estado intermedio.
(Da ficha da autora na editorial Galaxia)

Biblioteca da EMAO

Rúa García Barbón 5
Vigo, Galicia 36209 Spain
+ Google Map