Presentación libro Xesús Alonso Montero
24 Abril / 19:00 – 21:00
O Ateneo Atlántico prácese en presentar o libro Poesía e sociedade no Cancioneiro popular galego, escrito por Xesús Alonso Montero por mor do día das Letras galegas 2025. Quen? O autor estará acompañado de Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Galaxia; presenta Fernando Fernández. Cando? Xoves 24 de abril, ás 19 horas. Onde? Na Casa del libro, en Velázquez Moreno 27.

O libro
Cántigas hai que son faíscas sorprendentes de poesía, algunhas recolleitas por Rosalía, que non se resistiu a telas en conta como raíz íntima de fermosos e significativos poemas.
En Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego (dezaseis lecións), Xesús Alonso Montero pon a atención en dúas dimensións das nosas composicións populares: no que teñen de artístico, de poético, e no que conteñen como documento sociohistórico, así como nos creadores e re-creadores anónimos populares, nunha gran maioría mulleres.
Este estudo intenta mergullarse nos estamentos sociais subalternos que non só forxaron as cancións populares á luz do candil, senón que, re-creándoas ou non, nolas transmitiron ata os nosos días.
(Da ficha do libro en Editorial Galaxia)
O autor
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), filólogo, ensaísta e polígrafo, catedrático emérito da USC e doutor honoris causa pola UNED, foi presidente da Real Academia Galega (2013-2017). A súa ampla obra abrangue distintos campos temáticos, entre as que se poden salientar: Informe –dramático– sobre la lengua gallega (1973), As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane (1994), Oteriana (Galaxia, 2000), Curros Enríquez no franquismo (1936-1911) (2003), Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces (Galaxia, 2006), A batalla de Montevideo (2003), Os escritores galegos ante a Guerra Civil española. 1936-1939 (Galaxia, 2001), Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega (Galaxia, 2009) Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo (2011, Premio Losada Diéguez, 2012) e Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio (Antoloxía poética) (Galaxia, 2022).
(Da ficha do autor en Editorial Galaxia)