- Este evento pasou.
Presentación libro Serafín Parcero
8 Outubro / 19:30 – 21:00
O martes 8 de outubro, ás 19.30 horas presentamos o libro As tres vidas e as catro mortes de Roberto Seoane (Medulia Editorial), de Serafín Parcero. Será na biblioteca da EMAO e ao longo do acto, o autor, Serafín Parcero, dialogará con Xulio Abalde.
O libro
A vida que vivimos vén sendo, imos chamarlle así, a vida orgánica. É a vida dos órganos que laten, dos pulmóns que respiran, dos intestinos que traballan, das células que envellecen. A vida do pelo que medra con certo sentido, ata o día que decide desaparecer de onde debería lucir para medrar nos sitios máis insospeitados. É a vida das uñas que non paran de medrar, hai quen di que medran ata despois de mortos… Non é certo, pero moita xente pensa que así é. Tamén a vida das nosas sensacións e dos nosos sentimentos. Da nosa conciencia e da conciencia do noso. Os sucesos, os acontecementos que van forxando a nosa historia e o noso carácter, o noso futuro. A infancia, a escola, a xuventude e os primeiros amoríos, o traballo, o éxito ou o fracaso. A familia, o home ou a muller e os fillos. A saúde e a enfermade, e, ao final, a morte que a todos iguala.
(Da ficha do libro na editorial Medulia)
O autor
Serafín Parcero (Moaña, 1955) é mestre xubilado. De novo cultivou a poesía social. Influído pola súa profesión, comezou a escribir contos e teatro para nenos, iniciándose no ámbito do microrrelato no ano 2000; varios dos seus textos recibiron diversos premios.
Publicou Ollos de cinsa (Concello de Bueu, 2009), Insulae Deourum (Edición do autor, 2017). Viúvas de vivos e de mortos (Tandaia, Do peirao, 2019). As illas dos deuses (Xerais, 2021, versió revisada de Insulae Deourum) e esta As tres vidas e as catro mortes de Roberto Seoane (Medulia, 2024).