- This event has passed.
Presentación libro. Carmiña Sierra
4 Xuño / 19:30 – 21:00
Carmiña Sierra, A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, é o libro que o Ateneo ten a honra de presentar o d martes 4 de xuño, a partir das 19.30horas, na biblioteca da EMAO. No acto contaremos coa participación da autora, Aurora Marco, e coa do noso compañeiro Carlos L. Bernárdez como presentador.
Carmiña Sierra
Entre as poucas mulleres que ingresaron no Seminario de Estudos Galegos en 1923, a primeira admitida naquela entidade científica, a poucos días de se constituír, foi unha cesureña que percorreu case todo o século XX, Carmiña Sierra Domínguez (Pontecesures, 1906-Caracas, 1996). Esta obra de Aurora Marco descúbrenos unha biografía totalmente descoñecida . Carmiña Sierra estudou Filosofía e Letras en Compostela, obtivo unha cátedra de Literatura Española e exerceu en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Tras a sublevación militar, rexentou co seu home unha granxa en Cortinallas (Pontecesures) e, tras ser detida polo súa militancia política e compromiso antifranquista, estivo tres anos encarcerada en Ventas. A comezos dos anos 50 exiliouse en Venezuela.
Esta monografía dedícase a recuperar unha traxectoria tan rica en experiencias, en afectos, e en compromiso polas causas da xustiza e a liberdade, e abrangue todo o seu percurso vital, desde o nacemento até a morte. O libro enriquécese cun cento de imaxes e documentos históricos moi descoñecidos. (Da ficha do libro na editorial Alvarellos)
Aurora Marco
Ensaísta. Doutora en Filosofía e Letras (1978), catedrática de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega da USC, xubilada, é autora de extensa obra: biografías de Carvalho Calero, Avilés de Taramancos, Paz Carbajal; edicións críticas de obras de López Ferreiro, Rodríguez López, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Áurea Lorenzo Abeijón e outros libros de carácter interdisciplinar. Alén da investigación, desenvolve unha intensa actividade como conferenciante. Nos últimos 30 anoscentrouse na recuperación da traxectoria das mulleres galegas, con especial atención ás represaliadas: As precursoras (1993); Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002); Dicionario de mulleres galegas (2007); Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011); Mª Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana (2012); Elas (2015); Irmandiñas (2020); Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (2023).
Pola súa obra ensaística, recibiu numerosos premios: “Tomás Barros”de Investigación Teatral (1991); “Ánxel Fole” de Ensaio literario (1992); “Luís Tilve” de Investigación e Divulgación Histórica (2012) // “Mulleres en Acción” (2015) // “Galiza Mártir” (2016) // “Mártires da Liberdade” (2017)// Xohana Torres de Ensaio e Creación audiovisual, con Pablo Ces (2018)// “Follas Novas” do Libro Galego (2021)// “Baltar Feijóo” (2022).
En 2023 foi nomeada Señora das Letras 2023 polo colectivo de crítica literaria “A Sega”.