- Este evento pasou.
Presentación libro: Blues da Florida
17 Outubro / 19:30 – 21:00
O vindeiro 17 de outubro, xoves, o o noso amigo ateneísta José G. Barral (Chiño), presenta con nós o seu último libro: Blues da Florida. O acto terá lugar na Casa do Libro (rúa Velázquez Moreno) a partir das 19.30 horas e o autor estará acompañado polo xornalista Fernando Franco.
José G. Barral
Chiño, Vigo, 1959. Estudou Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade compostelá, opositou a mestre de Educación Infantil e logo cambiou o seu desempeño profesional na escola pública cara á orientación educativa.
Comezou no mundo da escrita con textos centrados na educación, sendo o responsable do volume sobre Educación Infantil nos Cadernos para a Reforma (Xerais, 1990). Colaborou con regularidade na revista Trabajadores de la Enseñanza.
No seu primeiro libro Por catro perras (Cardeñoso, 2007), facía un delicioso percorrido polas tascas e as tabernas máis tradicionais da cidade de Vigo.
En Último peaje (2011, edición do autor), a súa primeira obra de narrativa, a acción transcorre a cabalo da Compostela dos anos setenta e o Vigo de comezos do século XXI.
En 2021 gañou o Premio de Novela Camiño de Santiago coa obra Cruzados polo Camiño (Galaxia, 2023), “un relato que entretece a arte, o ocultismo e a figura do apóstolo nunha desenfreada carreira contra as conxuras e o tempo”.
Blues da Florida
Corría o ano 1968 cando o mundo pegou un estoupido. As placas tectónicas da historia chocaron cunha intensidade imprevista, producíndose unha concentración de acontecementos excepcionais: algueiradas universitarias en Francia, ocupación de Praga polos carros soviéticos, asasinatos de Martin Luther King e de Robert Kennedy nos Estados Unidos, sanguenta represión en México do movemento de protesta estudantil, irrupción do Black Power nas olimpíadas, agravamento da guerra de Vietnam… Malia que os movementos que sacudiron o mundo chegaban como resonancias alleas ao noso país, aquí foron abrollando feitos e episodios que anunciaban ventos de cambio e liberdade. Os estudantes universitarios galegos tamén se revelaron contra as autoridades académicas, o movemento obreiro tentaba rachar as estreiteces do Réxime con mobilizacións contundentes, as expresións artísticas mostraban o seu pulo, comezando a sobresaír unha pléiade de novos escritores e pintores galegos.
A cidade olívica axitouse nunha fase particularmente intensa do seu rexo crecemento económico. Esta novela instálase nesa época, levantando costuras e entreforros do poder, indagando nas bambolinas que protagonizaron os axentes económicos, mergullándose nas liortas de grupos enfrontados. A controvertible decisión da eliminación dos tranvías abriu unha profunda fenda na vida cotiá e dividiu á sociedade viguesa, deixando unha cicatriz que aínda mostra as costuras medio século despois.
(Texto da ficha do libro en Medulia Editorial)