Loading Events
  • This event has passed.

« All Events

Presentación libro. Bestiario en pedra

21 Maio / 19:30 21:00

Carlos L. Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro presentan con nós o seu último libro, Bestiario en pedra, Animais fabulosos na arte medieval galega (Laiovento, 2024). Será o martes 21 de maio, ás 19.30 horas, na biblioteca da EMAO. O acto será presentado por Anxo Cabada.

2024-05-21-Presenta BestiarioPedra

Este libro pretende recuperar unha parte esquecida do noso patrimonio artístico e simbólico. Aínda que a maioría das persoas hoxe non as “vexa”, a arte medieval está repleta de representacións de animais, nas marxes dos manuscritos, na escultura decorativa, nos capiteis, nas cornixas e gárgolas e nos cadeirados de coro.
Os temas e motivos simbólicos dos animais fabulosos, con paralelos en Europa, presentan en Galiza unha riqueza e unha variedade verdadeiramente extraordinarias. Destacan os conxuntos das catedrais de Santiago e Ourense, da igrexa e do espectacular claustro de San Francisco de Ourense, das igrexas betanceiras, das de Ribadavia e desa xoia que se chama Santiago de Breixa…
Os autores recollen na arte do noso país os exemplos de anfisbenas, basiliscos, bestas apocalípticas, centauros, dragóns, grifóns, harpías, sereas ave e sereas peixe e proporcionan un vasto repertorio de textos antigos e medievais e unha interpretación que permite comprender a súa omnipresenza nas nosas catedrais e igrexas.

Carlos López Bernárdez

É historiador da arte e desenvolve o seu labor como ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións.
Entre os seus libros destacan Breve historia da arte galega (2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016); Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (Laiovento, 2018); Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (Laiovento, 2020) e Unha historia da arte galega (Laiovento, 2023).
Na actualidade desenvolve a crítica de arte no Faro da Cultura do Faro de Vigo e en Sermos, suplemento de Nós Diario.

Xosé Ramón Mariño Ferro

É doutor en Antropoloxía Cultural pola Universidade Autónoma de Madrid.
Realizou traballos de campo en Bolivia e en Galiza. Froito da súa estadía entre os indios bolivianos
é a monografía Muerte, religión y símbolos en una comunidad quechua.
De temática exclusivamente galega son os libros Antropoloxía de Galicia e Autobiografía dun labrego. Estudou diversos aspectos da cultura popular galega e europea en Satán, sus siervas las brujas y la religión del mal; La medicina popular interpretada; Las romerías/peregrinaciones y sus símbolos; La medicina mágica; O entroido ou os praceres da carne; Los cuentos maravillosos; Diccionario del simbolismo animal; e Imágenes de la mujer y del hombre.
Pódense ver algúns textos na páxina web marinoferro.com

Biblioteca da EMAO

Rúa García Barbón 5
Vigo, Galicia 36209 Spain
+ Google Map