- This event has passed.
Presentación libro: Albino Prada
30 Novembro 2023 / 19:30 – 21:00
O 30 de novembro, Albino Prada presenta para nós o seu último libro: Sociedade de mercado ou sociedade decente? No acto estará acompañado pola prologuista do libro, Yolanda Díaz, vicepresidenta do goberno de España. Contaremos, tamén, con Jorge Luís Bueno Alonso e con Emilio Fernández Zunzunegui que presentará o acto. Lembrade, será o xoves 30 de novembro, ás 19.30 horas, no auditorio da sede de Zona Franca en Vigo (antigo rectorado, entrada por rúa Oporto 3).
¿Sociedad de mercado o sociedad decente?
Crítica de la gran abducción neoliberal
Publicado pola Universidade de Vigo (2023) e prologado por Yolanda Díaz.
Durante os últimos cincuenta anos, o proceso de incorporación de cada vez máis bens e, sobre todo, novos servizos á lóxica dunha economía de mercado foi imparable. Ao mesmo tempo, aquelas necesidades preferentes cubertas fóra do mercado, e os prezos, polo sector público das nosas economías foron limitadas e recortadas. Estas e outras mutacións, patrocinadas por unha ideoloxía neoliberal que se considera a única razón no mundo, transformaron as nosas economías de mercado en sociedades de mercado problemáticas.
Ante esa mutación e esa lóxica, este ensaio defende a necesidade colectiva de cambiar o rumbo cara a unha sociedade digna. Aquela no que facemos uso da riqueza para que todos os seus cidadáns (independentemente da casualidade xenética, familiar, autonómica, etc. que lles correspondese) teñan as mesmas oportunidades para unha vida digna. Un uso colectivo porque ninguén, en ningún lugar do mundo, ten dereito a todas as riquezas que cren gañar co seu suposto único mérito e esforzo.
Con este ensaio o seu autor pecha unha triloxía iniciada coa titulada Riqueza nacional e benestar social (2021), á que lle seguiron Traballo e capital no século XXI (2022), ambas publicadas polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e agora dispoñible en acceso aberto en liña neste catálogo.
(Da páxina do libro na web da Universidade de Vigo).
Albino Prada
Albino Prada Blanco (Santa Cruz, O Bolo, 1955) é economista e ensaísta.
Os seus campos de traballo céntranse na análise crítica do crecemento e desenvolvemento rexional, así como nos aspectos ambientais e sociais do mesmo. Sobre esa temática, ademais de libros e informes técnicos, ten publicado artigos académicos en revistas españolas e estranxeiras.
Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1991), é profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo.
Foi membro do Consello Galego de Estatística, do Consello Económico e Social de Galicia e do Consello da Cultura Galega e Editor dos Documentos do Foro Económico de Galicia (2014-2018).
Entre 2006-2018 foi columnista habitual de La Voz de Galicia e na actualidade colabora en medios como Luzes, Sin Permiso, Nós Diario ou Tempos Novos.
É membro do Consello Científico de Attac España.
Ten unha longa produción escrita. Por mencionar só algunhas das súas obras podemos falar de El despilfarro de las naciones (Clave Intelectual, Madrid, 2017) ou Crítica del hipercapitalismo digital (Catarata, Madrid, 2019), ambas presentadas no Ateneo. Ou tamén Chaves da Economía Pública galega, (xunto con X. Álvarez, Galaxia 2006), Galicia, unha economía europea (xunto con Santiago Lago Peñas, Galaxia 2009) ou os libros que, xunto co que hoxe presentamos, completa a triloxía que comezou en 2021 con Riqueza nacional e benestar social e Traballo e capital no século XXI (2022).
En 1979, xunto con Abel López Rodríguez, gañou o Premio de Ensaio da Fundación Premios da Crítica de Galicia por A outra economía galega.
Yolanda Díaz
Yolanda Díaz Pérez (Fene, 1971) é avogada e dirixente política, na actualidade ministra de Traballo e Economía Social e vicepresidenta segunda do Goberno de España.
Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, para despois ampliar estudos en París. Realizou tres mestrados, en Urbanismo, en Relacións Laborais e en Recursos Humanos, materia na que está especializada.
Traballou como avogada laboralista en Ferrol.
Foi coordinadora xeral de Esquerda Unida, formación pola que foi candidata á alcaldía de Ferrol e á presidencia da Xunta de Galicia. En 2012 participou na creación da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE, xunto con Anova-Irmandade Nacionalista, Espazo Ecosocialista Galego e Equo-Galicia) Desde as lista de En marea, en 2016 resulta elixida para o Congreso dos Deputados en Madrid. É deputada no Congreso dos Deputados desde 2016. Nas eleccións xerais de abril de 2019 e nas de novembro do mesmo ano foi candidata nas listas de En Común-Unidas Podemos pola Provincia de Pontevedra, revalidando a súa acta de deputada.
En xaneiro de 2020 foi nomeada Ministra de Traballo e Economía Social e Vicepresidenta segunda do goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos.
No acto de xuramento do cargo de Ministra asomou a súa herdanza sindicalista cando afirmou ‘o principal reto deste país é recuperar o traballo con dereito‘.