- Este evento pasou.
O tesouro da toponimia galega
15 Outubro / 19:30 – 21:00
O martes 15 de outubro, na biblioteca da EMAO, a partir das 19.30 horas, Gonzalo Navaza falará con nós sobre toponimia galega. O acto será presentado por X. Carlos L. Bernárdez.
Gonzalo Navaza
Gonzalo Navaza Blanco (Lalín, 1957), é un escritor galego, tradutor, estudoso da toponimia, actor de teatro e profesor titular de literatura na Universidade de Vigo.
No ano 2012 incorporouse á Real Academia Galega como académico correspondente. En 2021 foi escollido académico de número da RAG, ingresando o 5 de novembro de 2022 coa lectura do discurso Nomes de persoa na toponimia de Lalín, respondido por Antón Santamarina.
Como escritor ten cultivado diversos xéneros. Dirixiu a elaboración dos dicionarios de galego de Edicións Xerais de Galicia no ano 1988, chegando a crear o máis vendido da historia do galego, O pequeno Xerais.
O seu labor de investigador da toponimia callou na publicación de Fitotoponimia galega, un voluminoso volume editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza onde analiza os topónimos do sueste galego procedentes de nomes de plantas. Neste campo de traballo tamén desenvolve a súa actividade na Asociación Galega de Onomástica (AGOn), onde xa colaborou na organización de dous congresos internacionais e na Comisión de Toponimia, encargada oficialmente pola Xunta de Galicia de fixar as formas escritas dos topónimos de Galicia. Como docente, impartiu cursos de galego para emigrantes en Basilea e de lingua e literatura galegas en Salvador na Universidade Federal da Bahia (Brasil).
Entre a súa produción literaria, e ademais de ensaios, traducións e obras colectivas, podemos destacar os poemarios Fábrica Íntima (Galaxia, 1991) ou Libra (Galaxia, 2000), a obra infantil Fábulas contadas (Xerais, 2020), e, especialmente, o libro de relatos Erros e Tánatos (Xerais, 1996), que en pouco tempo se convertiría nun clásico da literatura galega actual.
Ao longo da súa carreira foi recoñecido con numeros premios e distincións, entre os que podemos citar o II Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón (1991) por Fábrica íntima, o Premio da Crítica Española (1991), por Fábrica íntima, Premio Arcebispo San Clemente na categoría de novela en lingua galega (1998) por Erros e Tánatos, Premio Martín Codax (2000), por Libra, Premio da Crítica Española (2000), por Libra, Premio de Investigación Losada Diéguez (2007) por Fitotoponimia galega. Premio Lois Peña Novo (2008), por Toponimia de Catoira, Premio da AELG á mellor tradución (2008), por As flores do mal. etc.