Loading Events
  • This event has passed.

« All Events

O papel fundacional das galegas no feminismo cubano

27 Febreiro / 19:30 21:00

O Ateneo Atlántico presenta a actividade O papel fundacional das galegas no feminismo cubano, prestando especial atención á figura de Andrea López Chao. No acto estará presente María Xosé Porteiro, Violeta Ramos e Patricia Ares, neta de Andrea. Terá lugar o martes 27 de febreiro ás 19.30 horas, na EMAO, e será presentado pola nosa presidenta, Luísa Abad.

2024-02-28 AndreaLopezChao

Andrea López Chao, foi unha galega cun papel moi relevante nas orixes do feminismo en Cuba na segunda década do século XX.
Foi pioneira na dirixencia de institucións tan importantes coma o Plantel de ensinanza do Centro Galego (directora e profesora), ou de Hijas de Galicia (primeira Vicepresidenta). A ambas institucións deulles o nome de Concepción Arenal.
Representando a Hijas de Galicia participou na organización e nos debates do primeiro dos tres congresos feministas de 1923, 1925 e 1939 que tiveron lugar no Centro Galego.
Desde hai tres anos, Galicia está recoñecendo o seu notorio papel que a sitúa entre as personalidades máis destacadas da nosa historia na emigración, no ensino e no feminismo.
Durante todo este ano conmemórase o centenario da inauguración do hospital Hijas de Galicia, e o cento cincuenta aniversario do nacemento de Andrea López Chao, tanto na súa cidade natal, Mondoñedo, como na súa cidade de adopción, La Habana, con homenaxes a ambas as beiras atlánticas para dar a coñecer o seu labor.
No seu labor de suma pola igualdade, o Ateneo Atlántico quere participar do recoñecemento e das homenaxes á figura de Andrea L. Chao organizando esta actividade.
Neste acto poderemos ver un adianto do documental “O poder de educar”, que, arredor da figura de Andrea López Chao, está a realizar a xornalista Violeta Ramos Valdés, que tamén estará con nós.

María Xosé Porteiro

María Xosé Porteiro, xornalista e escritora con vencellos persoais con Cuba e Galicia, investiga desde hai varios anos a historia de Hijas de Galicia e de Andrea López Chao, que centran a súa novela Sándalo, e impulsou este movemento de recoñecemento a personalidades que se deben incorporar á nosa xenealoxía feminista.

Patricia Ares Muzio

Patricia Ares Muzio, bisneta de Andrea López Chao, está a participar nas actividades que se veñen desenvolvendo por iniciativa de Mondoñedo. Destacada persoeira do mundo académico e intelectual cubano, profesora titular da Facultade de Psicoloxía da Universidade da Habana, foi Presidenta da Sociedade Cubana de Psicoloxía. Fixo o doutoramento en Psicoloxía nun estudo de familias cubanas, e impartiu diversos cursos de mestría no estranxeiro e labores de asesoría en universidades latinoamericanas.

Violeta Ramos Valdés

Violeta Ramos Valdés, xornalista cubana de orixe galega, está a realizar un documental sobre Andrea López Chao en colaboración co historiador galego Daniel M. Vázquez, baixo o título “O poder de educar”. Ao longo da actividade veremos un adianto deste documental.

Biblioteca da EMAO

Rúa García Barbón 5
Vigo, Galicia 36209 Spain
+ Google Map