- Este evento pasou.
Infancia e adolescencia dixital
5 Febreiro / 19:30 – 21:00
Infancia e adolescencia dixital. Do problema á oportunidade. Quen? Antonio Rial Boubeta, psicólogo, presenta María Jesús Argibay, xornalista. Cando? O 5 de febreiro, a partir das 19.30 horas. Onde? Na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa 2)

O uso das denominadas TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación) adoita levar emperallados moitas veces problemas emocionais e de convivencia, especialmente nun período tan crítico e vulnerable como é a adolescencia. Tal e como ven advertindo a OMS ou a UNESCO, o uso intensivo e sen supervisión das redes sociais ou dos videoxogos pode derivar en hábitos de vida pouco saudables, unha peor hixiene do sono, maiores niveles de ansiedade e depresión, un aumento do acoso escolar e do ciberacoso, violencia filio-parental ou mesmo dar lugar a novas formas de adicción. A tecnoloxía é unha magnífica ferramenta para favorecer a aprendizaxe de nenas e de nenos, pero o seu uso excesivo (especialmente a idades temperás) pode chegar a xerar retrasos no neurodesenvolvemento, na linguaxe ou na atención. O consumo de pantallas non resulta inocuo, si se fai de maneira pouco equilibrada e sen o debido acompañamento. Cando implica novos patróns de interacción e novos xeitos de relacionarse co mundo, pode converterse nun problema, mesmo de saúde pública. A tiranía do selfie
e o Imperio de Instagram, o auxe de gamers, youtubers e influencers amósanos unha nova xeración de adolescentes sorprendentemente menos felices, máis solos/as e con máis dificultades para relacionarse, aceptarse a si mesmos/as e adquirir valores ou habilidades básicas para construírse como persoas. A sociedade está cambiando e as familias tamén. Adquirir conciencia e tomar partido é unha tarefa obrigada. Afastado por igual de alarmismos e de banalizacións, desde un enfoque responsable e pragmático, na conferencia-coloquio do vindeiro día 5 de febreiro, o profesor Rial Boubeta convídanos a reflexionar como comunidade, na procura dun uso seguro e saudable da tecnoloxía, interpretando o problema que actualmente estamos vivindo, en clave de oportunidade, para desenvolver unha educación mellor.
Antonio Rial Boubeta
Antonio Rial é doutor en Psicoloxía Social e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Autor de mais de 150 artigos en revistas científicas de impacto internacional e director de 25 teses de doutoramento. Responsable de numerosos proxectos de investigación do eido da mocidade e as adiccións, dende o Uso problemático de Internet e as redes sociais ao ciberbullying.
É membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso a nivel mundial. No ano 2021 dirixiu o Estudio sobre el impacto de la Tecnología en la adolescencia, levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de máis de 50.000 estudantes de secundaria. Dirixiu tamén no ano 20202 o estudio Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia, coa Fundación Barrié, na que participaron 10.000 adolescentes galegos.
Acaba de rematar hai apenas uns días o estudio INFANCIA, ADOLESCENCIA Y BIENESTAR DIGITAL
(con UNICEF e o Ministerio de Transformación Dixital), no que participaron 93.000 adolescentes e 7.500 profesoras e profesores de toda España, o que o converte no traballo científico de maior envergadura feito en Europa sobre o tema.
Ten publicado os seus traballo nalgunhas das mellores revistas internacionais do eido da adolescencia, a saúde mental e a ciberconvivencia, como Psychiatry Research, Addictive Behaviors, Journal of Gambling Studies, Computers in Human Behavior ou Cyberpsyhology.
Colabora dende fai anos con centros de investigación de referencia internacional, como o Center for Adolescent Behavioral Health Research (da Universidade de Harvard), ou o Cognitive and Affective Regulation Laboratory (da Universidad de Lausanne).
En 2022 foi galardoado coa Nécora de Ouro pola Fundación Galega contra o Narcotráfico, polo seu labor na prevención das adiccións na mocidade, e en 2023 co Premio Iacobus da Educación, ano no que tamén foi distinguido como Colexiado do Ano polo Colexio Oficial da Psicoloxía de Galicia.
Formou parte do Comité de Expertos creado polo Ministerio de Xuventude e Infancia, para a elaboración da Lei de Protección dos menores na contorna dixital e, nestes momentos, forma parte tamén do grupo que vén de crear a Consellería de Educacion para elaborar o Plan de Benestar Dixital de Galicia.

