Inês, aquilo que nos une
27 Novembro / 19:30 – 21:00
O cinemAteneo presenta o filme documental Inês, aquilo que nos une, de MJ Pérez.
A proxección terá lugar o mércores 27 de novembro, a partir das 19.30 horas, no Espazo Ateneo. Xunto con MJ Pérez estará Puri Silva, que actuará como presentadora.
“”Existe unha figura e unha historia, case descoñecidas a esta beira do Miño, que marcou a historia de Portugal varios séculos atrás e que representa un vínculo entre ambos territorios. Ela é Inés de Castro.”
Inês, aquilo que nos une é unha peza audiovisual artística inspirada na figura e na historia de Inés de Castro, que inclúe unha canción inédita de MJ Perez .
MJ Pérez
MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 200 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums, diversos singles e colaboracións con artistas como CRUA (PT). Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia. En 2021 recibe o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Canción de Autor.
María José, nada en Arzúa, é unha cantante e compositora galega actual. Aprende a tocar a guitarra aos 14 anos e ao pouco tempo compón os seus primeiros temas. Mais non é ata o 2014 que inicia a sua actividade como artista.
O punto máis destacable deste momento para a artista foi a súa participación no “I Certame de Canción de Autor en Galego” organizado polo Concello de Teo, do que foi finalista xunto con outros artistas coma Nastasia Zürcher, Sofía Espiñeira ou Alba María.
O ano 2015 foi un momento de impulso para MJ, xa que comezou cun novo disco baixo o brazo: “Guerrilleira” do que fixo un concerto especial de adianto en Linda Rama (Coruña) e que sacou á luz oficialmente o 25 de xullo dese mesmo ano. Tamén acada o segundo posto no VII Concurso Musical da Deputación da Coruña (hoxe denominado Premio Narf da Música) xunto con grupos como Bala, The Trunks ou Jamie Fifthring.
En 2017, MJ continúa complementando a habitual xira de concertos coa participación no mundo da poesía: acompaña a Luisa Abad en diversas presentacións do seu poemario “Limaduras de Prata”.
Neste momento, MJ acaba de presentar o seu terceiro traballo discográfico: “Casandra”, o seu primeiro álbum de estudio que marca un punto de inflexión na súa traxectoria. Remata o ano como gañadora do Xuventude Crea 2017 na categoría musical.
Con “Casandra” MJ inicia unha xira longa dende finais do 2017 ata finais do 2019, ano no que resulta finalista dos Premios Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor/a. A cantautora continúa sumando retos á súa andaina: dá os seus primeiros concertos en Portugal, comeza a amosar o seu traballo ao outro lado do Miño e por fin consegue facer realidade o desexo de crear o seu primeiro tema en portugués: Vai Embora!
MJ inicia o 2020 presentando o seu cuarto álbum “A Luz Prendida”, un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Recibiu o Premio Martín Códax da Música Galega en 2021, logo de ser finalista no 2019 e no 2020 consecutivamente. Foi no mesmo ano que resultou finalista dos Premios Opinión da Música de Raíz con Vai Embora! como mellor tema orixinal. Tamén foi finalista dos Premios aRi[t]mar ata en 4 ocasións.