Idadismo: estereotipos, prexuizos e discriminación
5 Maio / 19:30 – 20:30
Reflexión sobre o idadismo, é dicir, os estereotipos, prexuízos e discriminación por razón da idade que poden aparecer nas relacións sociais ou persoais afectando á percepción do envellecemento e ás oportunidades das persoas maiores. Analizaranse tamén estes mecanismos desde unha perspectiva de xénero. Quen? Jose María Failde Garrido, Sabela Mallo López e presenta Miguel Pérez Pereira. Cando? Martes 5 de maio, a partir das 19.30 horas. Onde? Na Plaza de la Princesa, 2. Vigo.

O tema
Nesta actividade queremos reflexionar sobre o Idadismo, un térmo que fai referencia aos estereotipos e prexuízos existentes e ás formas de discriminación por razón da idade, que poden darse respecto dos demais ou de nós mesmos. Podémolo atopar a nivel institucional cando hai normas, prácticas ou regras sociais que discriminan ás persoas maiores. Maniféstase tamén a nivel interpersoal, nas relacións que establecen as persoas entre si, facéndose moi evidente no uso da linguaxe. Ademais, as persoas poden tamén interiorizar e facer propias formas de pensar e actitudes discriminatorias e negativas cara ao envellecemento e ao propio grupo de idade. Que consecuencias ten o idadismo, como podemos combatelo?
Pero tamén queremos analizalo con perspectiva de xénero; sendo notorio que a apariencia física ligada a idade xoga, nesta sociedade, un papel diferente en homes e mulleres ,en que outros aspectos non nos decatamos tan facilmente dos estereotipos e prexuizos que afectan de forma distinta a uns e a outras? Existe unha dobre discriminación por mor do xénero?.
Para tratar todos estes aspectos contaremos coa presenza de dúas persoas especialistas na temática.
Os relatores
Jose María Failde Garrido, é Profesor Titular no Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo e pertence ao grupo de investigación Lonxevidade e envellecemento. É Presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.
Sabela Mallo López, é profesora Axudante Doutora no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve o seu labor de investigación no Grupo Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía, integrado no Instituto de Psicoloxía da USC.

