- This event has passed.
Homenaxe Mª Xosé Porteiro
1 Outubro / 19:00 – 21:30
O Ateneo Atlántico de Vigo ten o pracer e a honra de de anunciar o acto de recoñecemento a María Xosé Porteiro como Socia de Honra do Ateneo. Terá lugar o martes 1 de outubro de 2024, ás 19 horas, na biblioteca da EMAO.
O Ateneo Atlántico ten instaurado un acto anual de recoñecemento a un persoeiro da sociedade galega.
Se en anos anteriores o nomeamento de ‘Soci@ de Honra’ recaía en personaxes tan dispares como Xosé Manuel Beiras ou Elvira Landín, nesta ocasión, e por unanimidade, a Xunta Directiva optou pola figura de María Xosé Porteiro.
No acto, que se celebrará o martes 1 de outubro, ás 19 horas na biblioteca de EMAO intervirán destacadas compañeiras e compañeiros de María Xosé, figuras da talla de Víctor Freixanes, Amada Traba, Manolo Bragado, LLerena Perozo e Alberto Avendaño. O toque musical correrá a cargo do artista cubano Raynier Aldana. Ao final do acto compartiremos un viño galego de confraternización. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro García (Madrid, 1952). Xornalista, política e escritora galega de narrativa e ensaio.
Na súa traxectoria vital pasou parte da súa infancia en Cuba para regresar coa súa familia e instalarse definitivamente en Vigo. É Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo.
Como xornalista traballou en La Voz de Vigo, no xornal El Pueblo Gallego e en Radio Popular de Vigo. Na actualidade colabora con xornais como La Voz de Galicia, El País, The Washington Post ou Tribuna Feminista. Foi xefa do Departamento de Prensa do Concello de Vigo.
Concelleira polo PSdeG en Vigo, foi tenente de alcalde e primeira concelleira de igualdade; Deputada no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, Delegada da Xunta de Galicia na Arxentina, Membro das Asembleas Parlamentarias do Consello de Europa.
Na actualidade é adxunta á Valedora do Pobo galego.
É socia fundadora do Ateneo Atlántico no que participou activamente durante o seu período na Xunta Directiva; é colaboradora do Centro de Documentación de Recursos Feministas de Vigo.
Ao longo da súa traxectoria recebeu numerosos recoñecementos entre os que podemos destacar a Orde do Mérito Civil (Goberno de España 2009) “por su contribución a la política exterior de España”, o Premio Primero de Mayo ao Compromiso Social e a Solidaridade (CCOO 2019), ou o Premio de Igualdade Ernestina Otero (Concello de Vigo 2020) en recoñecemento ao seu labor e traxectoria.
Entre a súa produción literaria cómpre destacar Covardes (2001, Ir Indo), Sándalo (2019, Galaxia), Buscando a Clara (colección Historias para coñecermos Vigo, 2019, Elvira) ou a súa última novela, Tabiba (2023, Elvira).