- Este evento pasou.
Homenaxe a Cunqueiro
26 Febreiro / 19:30 – 21:00
Co gallo do cabodano de Álvaro Cunqueiro, o Ateneo Atlántico propón esta actividade para lembrar a esta figura imprescindible das letras galegas. Xesús Alonso Montero falará sobre “O latín, como ‘divinas palabras‘, na obra de Cunqueiro”. Será o luns 26 de febreiro, ás 19.30 horas, na biblioteca da EMAO. O acto será presentado por Xina Vega e Su Garrido Pombo interpretará unha canción baseada nun poema de Cunqueiro.
Xesús Alonso Montero
Vigo, 1928, é un ensaísta, profesor, poeta, sociolingüísta, conferenciante, e un longo etcétera de actividades sempre ligadas á cultura e á lingua galega. Entre os seus numerosos méritos cómpre salientar que é membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, da que foi presidente no período entre 2013 e 2017.
Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Madrid licenciándose en 1953. O seu labor como docente comezou en institutos (Palencia, Lugo) e na escola Normal de Santiago, sendo profesor de Lingua e Literatura españolas. En 1966 doutorouse na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Manuel Curros Enríquez: Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega. O doutoramento abriulle as portas á universidade e en 1976 é profesor titular de Literatura Española no Colexio Universitario de Vigo, pasando, a continuación, a ser profesor titular de Literatura Galega e catedrático de Literatura Galega na USC.
A súa produción escrita comezou no eido da sociolingüística, campo no que destacou de xeito notable; algún dos seus libros son como O porvir da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou o polémico e contestado Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), onde retoma as súas teses apocalípticas sobre o idioma galego sinalando mesmo unha data para a súa morte.
É un profundo estudoso de moitos dos escritores e escritoras galegos como Rosalía de Castro (Páxinas sobre Rosalía de Castro, 1954-2004), Manuel Curros Enríquez (Curros Enríquez no Franquismo, 1936-1971), Manuel Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel (Luís Pimentel: biografía da súa poesía), Celso Emilio Ferreiro (Celso Emilio Ferreiro), Luís Seoane (As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane), Mendiño, Xosé Neira Vilas, Lorenzo Varela, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro. Tamén traballou no campo da literatura española con publicacións dedicadas a Machado, Unamuno, Valle Inclán ou Lorca.
Home de mente aberta e progresista participou en numerosos eidos sociais da Galicia da segunda metade do século XX e neste século XXI. Artigos de prensa, militancia política mesmo na clandestinidade do PCE, participación como candidato do PCG nas primeiras eleccións democráticas, ou no seu posicionamento público de achegamento ao Movemento esperantista galego, sendo autor da única visión xeral da historia do movemento en Galicia (o artigo que figura na palabra clave “Esperanto” da Gran Enciclopedia Galega).
A súa produción escrita é inmensa, tanto en galego como en castelán; destacou no campo do ensaio, pero participou, tamén, da poesía, o teatro, a ficción, as escolmas e mesmo a edición.
Os premios e recoñecementos públicos recibidos por Alonso Montero convérteno nun dos persoeiros galegos máis notables da xeración que comezou o seu labor cultural despois da Guerra civil española. Algúns dos premios e recoñecementos recibidos son: Premio Galicia de xornalismo, Premio Otero Pedrayo, Pedrón de Ouro, Premio Irmandade do libtro, Crítica de Galicia, Trasalba, AELG, Losada Diéguez, Cultura Galega das Letras, Laxeiro, Doutoramento Honoris Causa da UNED, Catedrático emérito da USC, e un longo etcétera.
Xina Vega
Rexina Vega, Vigo, 1966, é doutora en Filoloxía románica, profesora universitaria e investigadora. Tamén é tradutora, crítica literaria e colaboradora en medios culturais como praza.gal, A nosa terra ou Grial.
Como escritora destaca no eido da narrativa e do ensaio.
Dentro da narrativa destaca a súa obra Cardume, que acadou o Premio Xerais de 2007. Ademais publicou Dark Butterfly (Xerais, 2012). Ninguén dorme (Laiovento, 2019) ou O estado intermedio (Galaxia 2020).
Dentro do ensaio está recoñecida como unha das maiores especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que ten publicados varios estudos, e ao que dedicou a súa tese de doutoramento Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Entre os estudos están Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro (Edicións do Cumio, 1992) ou Álvaro Cunqueiro: unha poética da recreación (Laiovento, 1997).
Ademais do Premio Xerais, algúns dos recoñecementos recibidos por Xina Vega son o Premio Ricardo Carvalho Calero de investigación, por Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación ou o Premio Stendhal, e finalista do Premio Nacional de Tradución, pola tradución de El secuestro de Georges Perec. Así mesmo é Cunqueiriana de Honra de 2021.
Su Garrido
Susana Garrido Pombo, Vigo 1982, é unha cantante e compositora galega. Comezou a súa formación musical no Conservatorio Mayeusis (Vigo, guitarra). Estudou Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e Musicoloxía na Universidade de Salamanca. Logo realizaría estadías na Universidade de Granada, bolsa Seneca, e na Universidade de Florencia, bolsa Erasmus.
Profesionalmente formou parte do grupo folk Lembranzas Galegas, do grupo Sonhos, do grupo TREME (con Margarida Mariño) e en 2018 de Son Trío coa pianista e compositora Katerina Linke e a cellista Susanna Blanco.
A súa traxectoria individual comeza en 2018 coa gravación do seu primeiro disco en solitario: Quedo a vivir aquí. O seu segundo disco (2020) é Patios de Luz.
O seu estilo musical abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latín.Traballa en proxectos individuais e en proxectos colectivos.
Entre os seus recoñecementos podemos mencionar, 2º posto no concurso Internacional de música MAPFRE de 2007 co seu tema Linda, e o 4º posto co tema Extraña María. 3º posto no concurso Gz crea de 2007. Con Margarida Mariño, 1º Premio no concurso Múusica Xove 15 ó mellor grupo xove galego de 2015. 1ª clasificada no Premio Narf 2018 outorgado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. En 2018, Son Trío resulta nominado para os Premios Martín Códax da música galega en Música clásica e contemporánea.