- This event has passed.
Elvira Landín
22 Novembro 2023 / 19:00 – 21:00
O Ateneo Atlántico quere sumarse aos actos de recoñecemento a Elvira Landín pola súa traxectoria en prol da defensa xurídica dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores, iniciada en tempos do franquismo. O acto de nomeamento como Socia de Honra do Ateneo terá lugar o mércores 22 de novembro, ás 19 horas, na biblioteca da EMAO.
No acto participarán numerosas persoas que, dalgún xeito, tentarán xustificar o nomeamento de Elvira Landín como socia de honra do Ateneo Atlántico. Intervirán, entre outras, Ana Gandón, Manuela Carmena, Matías Movilla, Xabier Pérez Davila, Tito Ucha, etc.
A pincelada musical correrá a cargo de Su Garrido Pombo, que ao longo da sesión nos deleitará con algunhas das súas cancións.
Ao final compartiremos un rato de lecer con Elvira arredor duns petiscos e un viño galego.
A entrada será libre ata completar o aforo do local.
Elvira Landín Aguirre
Bilbao, 1944.
Estudou Dereito na Universidade de Deusto.
No ano 1967 desprázase a Madrid e comeza a traballar para a clandestina CCOO.
Eran os tempos dos despachos “laboralistas” e en Madrid coincide e traba amizade con outras avogadas que, como ela, empezan a defender profesionalmente a clase obreira como Manuela Carmena, Cristina Almeida ou Paca Sauquillo.
Nos anos 70 instálase en Vigo e funda xunto con Fernando Randulfe o primeiro despacho laboralista do sur de Galicia, único existente durante o franquismo.
Viviu activa e intensamente todas as loitas obreiras desde a cidade de Vigo e, en especial, as folgas do 72.
Recibiu numerosos recoñecementos sociais polo seu labor e traxectoria: Militantes da esquerda galega, Comisións Obreiras, Fundación 10 de marzo, etc.