Cargando eventos
  • Este evento pasou.

« Todos os eventos

Coidamos do galego? Dígocho eu!

5 Marzo / 19:30 21:00

Esther Estévez (presentadora e directora do Dígocho Eu! TVG) e Xurxo Martínez (filoloxía galega), conversarán aredor da situación actual da lingua galega. Realmente, estamos a coidar o galego? Será o martes 5 de marzo, ás 19.30 horas, na biblioteca da EMAO. A entrada será libre ata completar o aforo.

2024-03-05 CoidamosdoGalego?

Coidamos do galego? Dígocho eu!

Que facemos co galego?

Deixamos que vaia evolucionando como lingua minorizada cara á súa extinción?, … ou sentímonos cómodos porque xa é algo institucional que nos representa porque figura en carteis, escritos e se fala nalgúns medios?
Metémola nese saco mal chamado “bilingüismo” para que se bata co castelán coma se fosen linguas en igualdade de condicións?
Hai xente que intenta escolarizar a rapazada en galego, pero, pasado un tempo na escola, descobre que comezan a falar con interferencias do castelán e a sentirse confusos. Que facemos?
Na adolescencia e na mocidade, a perda de galegofalantes é brutal. Aínda que non se coñecen estatísticas “oficiais” dende 2018, as evidencias están presentes nas redes e nas observacións que podemos facer a pé de rúa. E non só nas cidades, senón tamén nas vilas ou, se cadra, máis nestas últimas.
E as persoas adultas? Somos maioría en Galicia. Que facemos? Aínda temos prexuízos lingüísticos aos nosos anos?
Nesa mesma estatística de hai seis anos, das sete cidades galegas, a que mais “falantes” perdeu foi Vigo. Hai que resaltar o concepto de persoas “falantes”, porque precisamente é, na forma oral, onde máis nos estamos empobrecendo.
E as institucións? Como se pode consentir que na prensa galega escrita en castelán se poñan en letra cursiva as declaracións da xente que responde en galego nunha entrevista? Falamos de medios escritos que reciben numerosas subvencións, e só sacan a portada en galego o Día das Letras Galegas! A isto se lle chama “normalización”? O “normal” sería ao revés!

A cousa pinta mal, mais algunhas luces tamén van aparecendo, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, a Lei de Normalización lingüística de 1983 e o propio Estatuto de Galicia, dannos un marco de actuación para a xustiza, a economía, as institucións públicas, a cultura, o ensino etc. Temos “ferramentas” de sobra, usémolas!
Pero isto tan só é papel se non se dota de medios e de vontade.
Tamén resisten medios escritos e orais en galego, a pesar do escaso apoio económico que si reciben os outros, así como honrosos movementos no eido da música, as artes escénicas, o cinema, as editoriais e algunhas empresas que van subindo ao carro… Pódese dicir que hai unha pequena industria que xera economía e traballo en galego.

Por último, un desexo, ou unha reflexión:
Existen fogares con moitas formas de familias (distintas xeracións, distintas procedencias, neofalantes …) Se algún dos membros fala galego neste medio, é onde pode xurdir o amor e o apego pola lingua, se escoitamos falar galego nun ambiente íntimo, seguramente algún día acabaremos facendo uso del. A perda da transmisión lingüística familiar obríganos aos mais maiores a facer esta función de sementeira para que vaia calando nas xeracións que veñen.

Esther Estévez

Xornalista natural de Verín, é a presentadora dos programas da Tvg. Dígocho eu! , Luar e do concurso para xente nova De tal mente tal semente. Tamén participa en digochiño, Cachadas…

Premio Mestre Mateo 2022 e 2023 á mellor comunicadora, confesa que ama esta profesión como ama a lingua e goza dando charlas á xente nova por toda Galicia.
Inclúe nos seus programas os xa famosos apuntamentos lusófonos para xogar coa proximidade da lingua irmá tanto nas afinidades como nas diferenzas.
Achega unha mirada positiva esperanzadora e libre de prexuízos das novas xeracións, maiormente a través das redes sociais.

Xurxo Martínez

É doutor en filoloxía galega pola Universidade de Vigo, investigador para o Instituto da lingua e o Consello da Cultura. Destaca o fondo coñecemento sobre distintos temas do século XIX en Galicia, en especial do Rexurdimento.

A partir de 2017, cando se xubila Xosé González mais coñecido como Pepiño de Redondela, faise responsable do Servizo de Normalización Lingüística nese concello.
Exerce a militancia activa na defensa da lingua galega, tanto é así que loitou durante catro anos ata conseguir unha sentenza histórica do TSXG para que a Axencia Tributaria fose obrigada a garantir a atención en galego.
Publica numerosos estudos sobre as Irmandades da Fala e do Rexurdimento, biografías de Reboiras e Luís Soto e recentemente, Marxes, guía ilustrada do Vigo rebelde, unha interesante proposta con itinerarios de feitos históricos pola cidade de Vigo.

Biblioteca da EMAO

Rúa García Barbón 5
Vigo, Galicia 36209 Spain
+ Google Map