- This event has passed.
Club lectura. Xaneiro
17 Xaneiro / 19:30 – 21:00
Materia. Yolanda Castaño
O mércores 17 de xaneiro teremos a xuntanza mensual do Club de lectura do Ateneo Atlántico. Neste caso comentaremos o poemario Materia. Na sesión, aberta ao público xeral, participará a autora, Yolanda Castaño, que lerá para nós algúns dos seus poemas. O acto comezará ás 19.30 horas na biblioteca da EMAO.
Materia
O poemario Materia (Xerais 2022) acadou o Premio da Crítica de poesía galega 2022 así como o Premio Nacional de Poesía 2023.
“Legados, relacións e ata proxeccións familiares: velaí a materia da que estamos feitas. Tanto na súa líquida versión capaz de humectar as raíces antepasadas, coma na solidez do que hoxe nos conforma mesmo se só asoma unha parte, ata a volatilidade gasosa dun futurible familiar. Dende a memoria histórica aos clarescuros da renuncia á maternidade se tratan nesta poderosa proposta poética de Yolanda Castaño na que cada estado da materia se expresa nun propio ton”.
Texto da ficha do libro en Edicións Xerais.
Yolanda Castaño
Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977), licenciouse en Filoloxía e realizou estudos audiovisuais na Coruña. Activa dinamizadora cultural, dende 2009 dirixe varios proxectos con poetas galegos e internacionais: o ciclo de recitais mensuais POETAS DI(N)VERSOS na Coruña (Premio da Crítica – Galicia á mellor Iniciativa Cultural 2014), o Festival de Poesía PONTEPOÉTICA en Pontevedra e o Obradoiro Internacional de Tradución Poética «Con barqueira e remador», na illa de San Simón. Alén diso, ofrece obradoiros literarios, recitais, videopoesía e outras mostras do seu traballo dentro e fóra do país, por toda Europa e América, ademais de Tunisia, China ou Xapón. Durante anos traballou en televisión (Premio Mestre Mateo Mellor Comunicador/a de TV 2005) e publicou columnas en distintas cabeceiras galegas. Foi responsable de mostras poéticas colectivas, de traducións de poesía e de edicións literarias. Aparece representada en numerosas revistas especializadas, libros colectivos e antoloxías tanto galegas como estatais e estranxeiras, así coma en numerosos festivais internacionais de poesía, téndose traducido en parte a máis de quince linguas. Autora multipremiada (Premio da Crítica Española 1999, Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009, Premio Fundación Novacaixagalicia, entre outros) Yolanda Castaño conta con sete poemarios individuais entre os que salientan «Vivimos no ciclo das Erofanías», «O libro da Egoísta», «Profundidade de campo», «A segunda lingua» ou «Materia» (Xerais, 2022) Premio Nacional de Poesía, 2023. É autora tamén de edicións bilingües destes poemarios para Visor libros, un par de escolmas persoais, algunhas plaquettes e catro libros de poesía infantil, ademais de obras asinadas como editora e tradutora. En 2018 publica «O puño e a letra. Antoloxía en cómic poético» (Xerais, 2018) e en 2021 escribe «Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias» (Xerais, 2021).
Ficha de Yolanda Cataño en Edicións Xerais.