Loading Events
  • This event has passed.

« All Events

Club de lectura. Outubro

2 Outubro / 18:30 20:30

O Club de lectura do Ateneo Atlántico, e en lugar do habitual, que é un libro, selecciona como temática de lectura para este verán a un autor: Paul Auster. En concreto ponse como deberes para o verán a lectura de dous dos libros de Auster traducidos ao galego: Un home na escuridade (lectura principal) e Brooklyb Follies (lectura complementaria), ambos editados por Galaxia.
A xuntanza terá lugar o mércores 2 de outubro, ás 18.30 horas no local do Ateneo.

2024-10-02 Club Lectura Paul Auster
Paul Auster

Nova Jersey, 1947 – Nova York, 2024, é un dos máis prestixiosos escritores norteamericanos actuais. Autor de novelas, ensaios, poesía, guións e películas de cine, a súa obra é lida en todo o mundo. Entre as súas novelas máis coñecidas pódense citar a Triloxía de Nova York (1985-86), Moon Palace (1989), Leviathan (1992), Mr Vertigo (1994), The Book of Ilusions (2002), Brooklyn Follies (2006), Viaxes no scriptorium (2007), o guión da película A vida interior de Martin Frost (2007), Un home na escuridade (2008), Invisible (2009) e Sunset Park (2010), estes seis últimos títulos publicados en galego por Galaxia, que desde 2006 edita a obra de Auster en Galicia. En 2006 foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras. (Da ficha do autor na editorial Galaxia).

Un home na escuridade

A nova novela de Paul Auster (2008) enfróntase ás pantasmas da sociedade contemporánea cunha trama que conxuga a historia de August Brill, un crítico literario retirado que padece insomnio, coa duns Estados Unidos sumidos nunha nova guerra civil.
August Brill recupérase dun accidente de coche. Deitado na cama, cóntase a si mesmo historias para tentar escorrentar lembranzas desagradables: a re­cente morte da súa muller, o arrepiante asasinato do mozo da súa neta. Aos seus setenta e dous anos, este crítico literario retirado imaxina un mundo sen guerra no Iraq e coas Torres Xe­melgas en pé, mentres, como consecuencia das eleccións do ano 2000, algúns estados dos EUA comezan unha guerra entre si. (Da ficha do libro na Editorial Galaxia)

Brooklyn Follies

O autor da Triloxía de Nova York, galardoado en 2006 co Premio Príncipe de Asturias das Letras, sorprende outra volta cunha novela na que conxuga brillantez, humor e axilidade narrativa.
Algúns dos grandes mitos da cultura norteamericana, entre eles a liberdade de escoller o propio destino e a capacidade para xurdir logo do fracaso, constitúen o pano de fondo desta novela na que Auster artella a narración arredor dun mangado de personaxes trazados dun xeito extraordinariamente vívido e veraz.
Brooklyn Follies é unha novela chea de sopresas, na que a carón da cidade de Nova York aparecen os Estados Unidos do fanatismo relixioso e o mundo idílico da sociedade rural como dúas caras da mesma moeda.
Coma no resto da súa obra, Auster xoga coas referencias literarias e co valor da literatura para redimir as persoas. Natham Glass, o protagonista, non só atopa en Brooklyn un refuxio, alí volve a atopar o que daba por perdido: a emoción da amizade, a emoción do amor e a capacidade de reinventarse a si mesmo.
Unha novela que explora as encrucilladas da vida, os puntos de inflexión nos que aínda é posible recuperar a liberdade e desmentir o destino.

Espazo Ateneo

Doutor Cadaval 17
Vigo, Pontevedra 36202 Spain
+ Google Map
696 856 947
View Venue Website