- Este evento pasou.
Club de lectura maio. Persépole
5 Xuño 2024 / 18:30 – 20:30
O libro elixido polo Club de lectura para ler ao longo do mes de maio (xuntanza o 5 de maio, ás 18.30 horas, no local do Ateneo), é Persépole, de Marjane Satrapi.

Persépole é unha novela gráfica en branco e negro, escrita e ilustrada en forma autobiográfica por Marjane Satrapi, co título orixinal de Persepolis. Apareceu en catro tomos, publicados entre 2000 e 2003. Foi traducida ao galego por Eva Carrión, e publicada en 2011 por Rinoceronte Editora.
A obra narra a propia vida da autora desde 1979 (cando tiña dez anos) até 1994. Conta o modo en que tras nacer nunha familia progresista de Teherán, trala revolución iraniana e a chegada ao poder do réxime fundamentalista islámico marcha a estudar a Viena e despois regresa á súa cidade para estudar Belas Artes, e logo de rematar na universidade decide marchar a Estrasburgo.
Marji diferénciase do resto de nenos e nenas da súa idade por ser educada ao estilo occidental, nunha familia progresista, laica e de clase alta, descendente do último rei da dinastía persa dos Qajar. De formación bilingüe, ten unha considerable inquedanza intelectual.
O libro recebeu numerosos premios: Prix du Lion, Bélxica (2000), Premio autora revelación no Festival de Banda Deseñada de Angoulême (2001), Primeiro premio da paz Fernando Buesa Blanco, Vitoria (2003), Premio Harvey á mellor obra estranxeira, EUA (2004), etc.
A novela gráfica foi levada ao cine de animación co título de Persepolis, e foi estrenada o 27 de xuño de 2007. Está dirixida por Vincent Paronnaud, e foi nomeada á Palma de Ouro e acadou o premio do xurado no Festival de Cannes 2007.