- This event has passed.
Club de lectura febreiro
6 Marzo / 18:30 – 20:30
O libro seleccionado polo Club de lectura do Ateneo Atlántico para o mes de febreiro é Ninguén queda, do vilalbés Brais Lamela. Publicado por Euseino? editores (Vigo, 2022), o libro foi Premio da Crítica en narrativa galega (2022), e Premio Ollo crítico de narrativa (2023). A xuntanza terá lugar o 6 de marzo, ás 18.30 horas, na sede do Ateneo.
O libro
Lido na ficha do libro en Euseino? Editores:
“Entre o verán sufocante de Nova York e as montañas neboentas de Negueira de Muñiz, Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole norteamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960.
Os pisos de estudantes no estranxeiro, as comunas que emerxen dos restos dos encoros e os personaxes ensimesmados que acumulan fragmentos de tempo esquecido conflúen nun relato sobre a existencia do fogar en circunstancias límite; un relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada.
Cunha linguaxe interrompida, que transita e hibrida as fórmulas do ensaio interpretativo e as estratexias da ficción, Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades de escritura e asume desvíos e fracasos, un artefacto impuro, crebadizo, conmovedor”.
O autor
Da ficha de Brais Lamela na editorial
Brais Lamela (Vilalba, 1994) viviu en Galicia ata os dezasete anos. Posteriormente, formouse en literatura comparada e historia nas universidades de Cambridge, Reino Unido, e Brown, nos Estados Unidos, grazas a diversas bolsas de estudo. Acadou premios literarios coma os Minerva, Ánxel Casal e Xuventude Crea. Actualmente, cursa un doutoramento en literatura na Universidade de Yale, onde tamén exerce a docencia. Ninguén queda é a súa primeira obra publicada.