Loading Events
  • This event has passed.

« All Events

cinemAteneo. Nación

11 Marzo / 19:30 21:00

O cinemAteneo presenta a película documental Nación, da directora galega Margarita Ledo. Será o luns 11 de marzo, ás 19.30 horas nos Multicines Norte. Para comentar a película contamos coa súa directora e como moderadora actuará Puri Silva.

2024-03-11 CinemAteneo Nación

Ficha técnica

  • Título orixinal: Nación
  • Ano de produción: 2020
  • Xénero: Non ficción
  • Directora: Margarita Ledo
  • Música Original: Mercedes Peón
  • Reparto
    • Nieves Lusquiños
    • Mónica Camaño
    • Mónica de Nut
    • Xoana Pintos
    • Eva Veiga (colaboración especial)
  • Produción: Nós Cinema
  • Premio á dirección no Festival de cine europeo de Sevilla.

Sinopse

No ano 2021 pecha a fábrica de louza de Pontesa deixa de pagar ás súas traballadoras. 20 anos despois, Margarita Ledo reúne un grupo daquelas traballadoras para que lembren diante da súa cámara o símbolo da súa liberdade individual, da súa emancipación económica e da súa loita sindical.
“A intimidade da historia de Naciónes Nieves, un personaxe sibilo, e un grupo de operarias no papel de pasadoras, que nos permiten albiscar o que representa o final dunha época na que a muller accedera ao traballo industrial. A súa experiencia chéganos a través de vestixios, signos, imaxes do corpo como arquivo de acontecementos, persoais e comunitarios, que poñen nas súas mans e levan á súa gorxa batallas campais desesperadas para manter os postos de traballo. Ademais os ecos dunha frase “¡mira canto tardamos en ser nación!”, co reverso na ruína das fábricas de porcelana, téxtil e conserveira.
As pegadas que esta desaparición deixa na película son inscricións de momentos de existencia, de voces que entran en conflito coa iconografía oficial da muller como obxectos “amovibles”. Son accións que manteñen o non, que desafían o agoiro, que se expresan en feminino, que atravesan o valado. É a volta aos anos felices que conservan algúns arquivos”. (Da páxina web da produtora, Nós Cinema).

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) é unha xornalista, escritora e cineasta galega. Docente e catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, numeraria da Real Academia Galega; recibiu, entre outros, o Premio Nacional da Cultura Galega (2008) e o Premio Otero Pedrayo (2017)
Estudou xornalismo na Escola Oficial de Periodismo de Barcelona, universidade pola que ten o doutoramento e na que deu os primeiros pasos como docente. Puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi a súa primeira decana.Traballou na redacción de El Ideal Gallego, fundou e dirixiu o semanario A Nosa Terra, foi creadora da revista Escrita, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e dos proxectos gráficos do boletín do Clube Cultural Adiante da CXTG, da revista feminista Festa da Palabra Silenciada e da publicación Europa de les nacions, do Moviment Nacionalitari Europeu.
Como escritora ten obra poética (Parolar cun eu, cun intre, con inseuto, 1970, Xistral; O corvo érguese cedo 1973, Xistral ou Linguas mortas: serial radiofónico, 1989, Sotelo Blanco), narración (Mama-Fé, 1983, Xerais, relatos; as novelas Trasalba ou Violeta e o militar morto 1985, Xerais) e Porta blindada 1990, Xerais; ou Historias como Barcelona, 1992, Biblioteca de Autores Galegos, Diario 16 de Galicia). No eido da Literatura infanto-xuvenil publicou O serrote do Gil (2009, Galaxia). A produción de Margarita Ledo no campo do ensaio é moi numerosa con títulos como Prensa e galeguismo, O diario postelevisivo, Documentalismo fotográfico contemporáneo, Informe sobre o audiovisual en Galicia, Comunicación local no espazo lusófono, etc.
Como directora ten numerosas curtas, unha mediometraxe (Apuntamentos para un filme (2012)), e seis longametraxes (Santa Liberdade, 2004, Hai que botalos, 2005, Liste, pronunciado Líster, 2007, A cicatriz branca, 2012, Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra,2016 e Nación, de 2020).
Ten recibido numerosos premios e recoñecementos nos diferentes ámbitos da súa actividade. Premio Alecrín 1994, Premio Nacional de Cine e audiovisual da Xunta de Galicia 2008, Premio Os Bos e Xenerosos da AELG 2015, Premio Ramón Piñeiro-Facer País 2016, Premio Otero Pedrayo 2017, Premio do Festival de Cine Europeo de Sevilla pola dirección de Nación en 2020, etc.

Multicines Norte

Via Norte 22
Vigo, Pontevedra 36204 Spain
+ Google Map
986 22 75 13
View Venue Website