- Este evento pasou.
CdL. Punto de araña. De bestias y aves
7 Outubro / 18:30 – 20:00
Os libros seleccionados polo Club de lectura do Ateneo Atlántico para ler ao longo do mes de setembro (xuntanza 7 de outubro), son “Punto de araña” da escritora Nerea Pallares publicado por Galaxia, e “De bestas e aves” de Pilar Adón publicado por Galaxía Gutenberg. A xuntanza comezará ás 18.30 no noso local na rúa Hernán Cortés 28 (baixo dereita) (Contido pendente de completar!)

As obras
Punto de Araña
Chamada por ese espírito do mar bravo e do vento que peta na porta de todas as casas, Ari chega a Camariñas, unha vila labiríntica que lle resulta estrañamente familiar, para encargarse do museo de encaixe e exercer como guía turística, sen saber aínda que as mulleres da localidade tomaron unha decisión que está a piques de mudalo todo.
Fartas do egoísmo dos homes anfibios e ausentes, donos das decisións e dos cartos, e de sosteren a voz de todos sen que teñan elas voz propia, as palilleiras —tamén redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira— acordan acabar con esa situación dun xeito drástico e perigoso: chamando polas arañas. Tres mulleres temibles, donas do océano e do encaixe, que conforman un goberno doutra orde ao que cómpre obedecer.
Punto de araña é unha novela mariñeira e coral, batida pola escuma das ondas que petan contra as rochas e tecida coas voces de tres xeracións de mulleres que se rebelan. Unha loa ás que tecen as redes invisibles que nos sosteñen; ás mans que, en silencio, entrelazan o mundo e ás mans das amigas, rede de redes.
Fonte: Editoríal Galaxia
De bestias y aves
Termina o verán, cambia a estación, e unha muller conduce durante horas en plena noite sen saber que se aproxima a Betania, unha casa illada, case un territorio fóra do mundo. Un lugar descoñecido e habitado exclusivamente por unhas mulleres que, con todo, si parecen coñecela a ela. Leva ás súas costas a unha irmá afogada, e non lle dixo a ninguén que se marcha nin onde porque nin sequera ela sabe que a súa viaxe vai ser tan longo. Que está a piques de entrar nunha casa na que as mulleres se visten do mesmo xeito, como adeptas dun culto ancestral, e levan a cabo estraños ritos e celebracións. Un espazo no que as cabras dominan todo o que non estea vixiado polos innumerables cans que viven alí, e no que unha roca inmensa oculta a luz do sol e domina a paisaxe. No que, ao fondo, un lago delimita as fronteiras do terreo, sobrevoado de xeito perpetuo polas aves. E no que tamén viven unha muller cega á que todas adoran e unha nena que corre dun lado a outro sen saír xamais dese sitio. Un recuncho de terra, auga e árbores onde a recentemente chegada non quere estar a pesar de que talvez sexa, como lle din sen que chegue a crerllo, o lugar no que descubra por fin o que significa formar parte de algo.
Fonte: Galaxia Gutemberg
O acto
Asistencia dezanove persoas con novas incorporacións: César e Andrés.
Por primeira vez tiñamos dous libros para ler. De bestias y aves de Pilar Adón e Punto de araña de Nerea Pallarés.
Xulio Abalde presentou De bestias e aves, volea que obtivo o Premio Francisco Umbral de Novela en 2022 e tamén o Premio Cálamo “Otra Mirada”, e no año seguinte o Premio de la Crítica[ e o Premio Nacional de Narrativa en 2023. Destácase a “grande orixinalidade, beleza, riqueza poética e forza da lingua”.
Xulio, ademais, fixo un apunte persoal da autora por tela coñecido persoalmente.
En xeral, a lectura resultou desacougante, a autora consegue transmitir un forte sentimento de tensión e inquietude.
Destacouse o estilo coidado, con precisas e suxestivas descricións da natureza.
Unha esclarecedora interpretación en termos psiquiátricos considerou a comunidade de mulleres coma unha unidade de psicoterapia. Outra apuntou o funcionamento colectivo como dunha seita. Tamén se comentou certo maniqueísmo respecto dos homes.
Moitas das presentes consideraron o libro perturbador, de certa dificultade.
Punto de araña de Nerea Pallarés, premio García Barros. Como a anterior, tamén con perspectiva de xénero. A autora entrelaza realismo social, memoria colectiva e mitoloxía no relato da rebelión feminina na Costa da Morte. Fartas do egoísmo dos homes ausentes, donos do diñeiro a das decisións, e de non ter voz propia, as mulleres toman una decisión drástica. As palilleiras -que son tamén nais, redeiras, mariscadoras ou traballadoras da conserveira- deciden invocar ás arañas, tres deidades dotadas de poder e sabedoría ancestrais. Tres xeracións de mulleres rebélanse fronte a la inxustiza. Un canto a quen tecen as redes invisíbeis que sosteñen a comunidade; ás mans das amigas, rede de redes.
Mencionouse como elemento importante, a defensa da lingua local da costa da Morte.
Sinalouse a Lisístrata de Arisófanes, como antecedente histórico do tema, a rebelión das mulleres.
Gustou o estilo coidado con cores poéticas nas descricións. A lectura resultou maioritariamente satisfactoria.
Alén dos libros, debateuse o estado de conciencia feminista entre a mocidade.
A experiencia de dous libros nunha sesión non permite dedicarlle o tempo necesario a cada un deles.
Elixiuse como vindeira lectura a novela gráfica Es hoy de Carlos Giménez.

