CdeL febreiro: Tamarindo
4 Febreiro / 18:30 – 20:00
O libro seleccionado polo Club de lectura do Ateneo Atlántico para ler ao longo do mes de xaneiro (xuntanza 4 de febreiro), é Tamarindo, de Xavier Queipo. O libro foi o gañador do VI premio de Novela Vilar Ponte (2024). Para a xuntanza temos comprometida a presenza do autor, bo amigo do Ateneo e presidente do xurado na edición de 2025 do premio Exeria.

Tamarindo
Arquipélago de St. Kitts e Nevis. Un home recupera a liberdade xusto no momento no que a súa memoria empeza a esclarecer que foi del nos últimos anos. Unha treboada está a piques de azoutar as illas e a súa vida.
Xavier Queipo recupera un personaxe das súas obras Malaria sentimental e Os kowa nunha obra sobre a amizade e a traizón. «Unha trama envolvente e fascinante», dixo de Tamarindo o xurado do Premio Vilar Ponte.
(Da ficha do libro no blog da Editorial Aira)
Xavier Queipo
(Compostela, 1957). Dende 1990 escribe e publica regularmente en galego É autor, entre outros libros, de: Ártico e outros mares (narrativa breve, 1990, Premio da Crítica Española 1991); Ringside (contos, 1993), Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (novela, 2001); O ladrón de esperma (contos, 2001, Premio Café Dublin de relatos); Os ciclos do bambú (contos, 2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (literatura infantil, 2005), Dragona (novela, 2007) Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007), Saladina (novela, 2007), Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009), A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009), Cartas marcadas (ensaio, 2010), Ártico 2.0 (narrativa breve, 2011), Extramunde (novela, 2011, Premio Xerais de Novela, Premio Arcebispo San Clemente); 55 (relatos, 2014), Os Kowa (novela 2016, Premio Blanco Amor 2015), e Corazón de Manteiga (novela, 2020) . Membro do Dichterscollectif van Brussel dende 2007. Recibiu varios outros premios en Galicia, entre eles o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao mellor escritor galego en 2011 e o Premio Nacional de Tradución do Ministerio de Cultura (en colaboración), pola tradución do Ulysses de Joyce ao galego (2014). Participou en numerosos libros coletivos e antoloxías, e traduciu do francés ao galego a Amin Maalouf e Hervé Guivert, e do inglés a Conrad e Joyce. Obras súas están traducidas ao castelán, portugués, francés, inglés e italiano.
(Da ficha do autor no blog de Aira)

